La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A historia contouma un poeta amigo, nacido e criado en Madrid, con quen teño discutido en máis dunha ocasión sobre a suposta fermosura da paisaxe da meseta, das excelencias da cal el é un devoto cantor. Pola miña parte confeso, en cambio, que nunca entendín a admiración que as terras de Castela teñen despertado en tantos escritores e pintores españois deste século, aínda que estou disposto a recoñecer que se poda  tratar dun prexuízo. Nestes e noutros gustos, un acaba sendo inevitablemente subxectivo.

O meu amigo, cunha experiencia da que eu carezo, pois vive no medio desa mesma paisaxe, fala con paixón do seu significado e do seu simbolismo, dos cales, ademais se ten nutrido en boa parte a súa obra literaria, hoxe recoñecida con unanimidade como un dos cumios da poesía escrita polos poetas da chamada xeración dos anos cincuenta. Foi precisamente para aclamarme as súas vivencias en relación co obxecto da disputa, cando me referiu a historia que vou contar, á cal el lle outorgaba non recordo que concreto significado.

Atopábase un día nunha finca da súa propiedade, regando con paciencia unhas árbores que acababa de plantar, pois a pesar de todo quería aliviar en parte a desértica desolación que o rodeaba: en realidade, a estética pelada do páramo non está rifada cun estilo frondoso do descanso, especialmente no verán. O caso é que naquel momento pasou por alí un campesino do lugar, con quen compartiu un cigarro e unha breve conversa. Ao despedírese, o paisano díxolle: «Non se esqueza de que as árbores traen os paxaros e que os paxaros acaban co trigo».

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de decembro de 1988.