La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte chamáronme burro. Foi na estrada que vai de Vigo ao Porriño, cando conducía o meu coche polo carril da esquerda coa idea de adiantar outros autos que circulaban moi despacio, pois os condutores ían falando coas familias e contemplando a paisaxe. Eu tampouco corría, entre outras cousas porque non tiña nada urxente que facer, pero non baixaba dos oitenta quilómetros por hora, máis ou menos. Iso nunha estrada, por outra parte, que debe ser unha das máis perigosas de Europa, segundo teño lido nos periódicos e tal como me di a miña propia experiencia. Hai curvas que son como ir á guerra ou meterse na boca do lobo.

O caso foi que, despois de adiantar normalmente os tres vehículos que me precedían e volver ao carril da dereita, vin que me adiantaba tamén a min un coche de color vermella, deses que  levan adornos para impresionar, pero que non serven para nada, igual que o ruído do motor, unha parafernalia que non demostra potencia, senón o escándalo do tubo de escape.

Fixeime en todo isto porque aquel coche detívose á miña altura, mentres o condutor, un rapaz de gafas escuras moi de película boba, vestido con camisa a pesar do frío, fronte mínima, pois o pelo arrincáballe practicamente da parte alta do nariz, fíxome sinais de que me quería dicir algo, talvez, pensei, que eu levaba unha porta aberta ou algún outro problema polo estilo. Entón baixei a ventá, cousa que el xa fixera coa súa, mireino, esperando que falase, e xusto nese momento escoitei que me dicía berrando coma se estivese tolo: “¡Hay que respetar, coño, hay que respetar!” E logo, acelerando, engadiu: “¡Burro!”

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de decembro de 1999.