La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha amiga dos rapaces tivo o outro día un soño que desde entón a trae un pouco perturbada. Resulta que viu con claridade total, o mesmo que se estivese esperta, un número de varias cifras que lle quedou gravado na memoría. Ao principio pensou que podía ser a reprodución do documento de identidade dalgún membro da familia ou un teléfono coñecido, pero deseguida se decatou de que non coincidía con ningunha desas posibilidades. Loxicamente, empezou a matinar con emoción na próxima lotería.

Seguindo os ditados do corazón, a moza chamou a Madrid para preguntar se existían décimos co número do seu soño, que había. Entón quixo saber como podía facer para adquirir algún e respondéronlle que a serie completa marchara para Vigo, co cal se acentuaron aínda máis as sospeitas de que a corazonada era das boas.

O resto, é dicir, localizar o bar onde se vendían as participacións, foi moi sinxelo. Algo máis complicado debeu ser conseguir os cartos, pois a rapaza, convencida de que a sorte a veu ver, non se contenta con pouco: está disposta a arrasar. De maneira que leva investido bastante diñeiro. Creo que fai ben: se un non é capaz de xogar todo por un soño, poucas cousas grandes fará na vida. Non obstante, algo de prudencia tampouco estaría mal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de decembro de 1995.