La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu estudaba en Santiago había compañeiros que eran coñecidos por nomeadas sacadas dalgunha peculiaridade que amosaban á hora de falar. Recordo, por exemplo, a un rapaz de Lugo a quen todo o mundo lle chamaba “Nembar” (mesmo eu non sabería dicir agora o seu verdadeiro nome), porque tiña o costume de utilizar unha palabra que daquela resultaba completamente insólita: “nembargantes”. A un estudante de Valladolid que dicía moito “se fastidió la marrana”, chamábanlle “Marrano”.

Tardei un tempo en saber cal era o motivo de que a un tipo gris e triste, cun aire tétrico de  patíbulo que producía angustia nada máis velo, do cal aseguraban algúns dos seus inimigos que era gafe, lle chamaban “Coe”. A cousa soábame a min a nome de americano, pero alguén me explicou un día que procedía de “coherencia”.

Esa era a proclamación que de si mesmo facía constantemente o citado individuo: presumía de ser coherente. Non é presunción rara, sobre todo entre os profesionais desa esquerda beata que se autodefine como ética, un mal asunto que fai que un, cando escoita semellante propaganda maliciosa, automaticamente se poña en garda. Onte mesmo, nunha nota necrolóxica, alguén falaba da coherencia do morto. Confeso que me deixou indiferente. Prefería que me falaran da súa sensatez ou da súa intelixencia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de decembro de 1993.