La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A última vez que estiven no País Vasco puiden contemplar desde a beira da rúa, en Bilbao, unha manifestación radical das xentes que apoian a violencia. O que máis me impresionou non foi o altísimo número de asistentes, unha auténtica riada sen fin, senón dúas clases de persoas que abundaban na marcha. Por un lado, rapaces novos con pendentes, pelo en forma de cresta de galo e outros aditamentos dese estilo. Por outro lado, velliñas enrugadas, con aspecto de saír da misa de alba, ás que non lles faltaba máis que o rosario na man.

Tanto uns como outros, punkis e presuntas beatas, coreaban a peito inflado todas as enormidades que lles ían marcando polos altofalantes os seus dirixentes. Teño especialmente gravada na cabeza a imaxe dunha señora de moitos anos, rostro nobre e aspecto apacible, a quen vin cruzando a ponte que pasa diante do Teatro Arriaga berrando cousas que por inhumanas encollían o corazón.

Onte publicábase nos periódicos unha fotografía relacionada co asasinato dese pobre garda civil ao que os etarras cazaron en Madrid. Aparecían nela, de pé, arrimadas a unha parede, nalgún lugar do País Vasco, un grupo de persoas, entre elas unha velliña. Apoiada nun bastón, a señora miraba de fronte e tiña os labios abertos, como se no momento en que a retrataron estivese dicindo algo. Non se percibía a entidade humana do seu rostro, pero estaba ao lado dunha pancarta que falaba por ela: pedía a paz e anunciaba que mataron a outra persoa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de decembro de 1992.