La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días, con motivo do secuestro de Revilla, agúns amigos téñenme preguntado por que se lle chama así ao «síndrome de Estocolmo». Probablemente, os que me preguntab non saben que eu tiven a oportunidade de seguir por televisión, en directo, durante seis días e seis noites, os sucesos que deron orixe ao famoso sínfrome. Debeu ser no verán do ano 1973. Unha mañá de setembro, mentres escribía unha carta, escoitei pola radio que un individuo acababa de entrar armado no Kreditbanken de Estocolmo que collera como reféns a súas rapazas e a un home e que  pedía un auto rápido para fuxir, unha cantidade importante de diñeiro e a compañía dun célebre preso que se atopaba cumprindo a súa condena.

A policía entregoulle todo de inmediato, pero negouse a aceptar que os atracadores puideran levar os reféns con eles. Entón estes pecháronse coas dúas rapazas e o rapaz na cámara acourazada do banco e ameazaron con matalos aos tres. Cando os responsables do orde tiñan decidido intervir con gases paralizantes ás nove e cinco minutos para liberar os reféns, un comisario cometeu a torpeza de anuncialo no noticiario das nove, sen imaxinar que os ladróns dispuñan dun pequeno aparato de radio no interior. O resultado foi que as dúas rapazas e o rapaz acabaron cada un cun lazo corredizo arredor do pescozo e atado a unha cañería que pasaba polo teito.

Lanzar os gases e quedar automaticamente aforcados os reféns era todo o mesmo, de maneira que a policía tivo que cambiar os plans. Por fin o sexto día, unha semana antes das eleccións, prepararon o asalto. Empezaron por facer un ruido insoportable con varios martelos neumáticos para aturdir aos atracadores e impedirlles que puidera facer chantaxe con ameazas. Trataban de evitar tamén que se escoitara o deslizamento do gas que ían utilizar desta vez a travñes do conducto do aire: un produto paralizante da contade que tiñan experimentado os americanos en Vietnam. A operación foi un éxito: non só non morreu ninguén, senón que acabou en boda. Unha das reféns casouse cun dos secuestradores.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de novembro de 1988.