La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño un veciño que traballa na construción e que vive rodeado de animais domésticos. Ademais do can, un palleiro que quedou coxo como consecuencia dun accidente, garda na casa varios patos, unhas cantas galiñas, algúns coellos e agora, ultimamente, unha porca que se chama Greta. Os máis inútiles de todos eles son os patos, tan lacazáns, segundo me contou o outro día, que comen deitados. A pesar desta vagancia, para que se divirtan, fíxolles unha especie de estanque no que se bañan de cando en vez, aínda que tampouco demasiado. Desde hai dous anos, ou cousa así, os patos, que entraron na familia como futuro alimento, seguen vivindo.

O mesmo ocorre cos coellos. E a porca Greta, que lles chegou hai unha semana coa idea de cebala para facer unha boa matanza o ano que vén, vai por ese camiño. Digo isto porque onte, cando lle preguntei por ela, díxome unha frase que coñezo, pois xa lla escoitei moitas veces anteriormente: “Deille o indulto”. Iso significa que igual que sucedeu cos patos, os coellos e as galiñas, non a pensan comer.

En relación con isto de indultar animais condenados a morte, estes días pasados, nos Estados Unidos, con motivo das eleccións lexislativas, celebráronse varias consultas tipo referendum. Unha delas tiña como obxectivo coñecer a opinión dos cidadáns respecto  dos cans que son executados polas autoridades municipais. Por abrumadora maioría, o voto foi favorable para os animais. Iso non quita, non obstante, que unha enquisa revelase ao mesmo tempo que preto do oitenta por cen dos consultados estivesen a favor da pena de morte aplicada á xente. Unha cousa non ten nada que ver coa outra. Despois de todo, case ningún can leva pistola.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de novembro de 1998.