La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasamos a tarde enteira de domingo na ópera. Entramos ás cinco menos cuarto e saímos ás once da noite. Seis horas para Wagner. É o tempo que leva a representación de O crepúsculo dos deuses. A pesar de todo, non quedaba un sitio baleiro. E aínda había algúns desesperados na porta intentando conseguir esas entradas de ocasión que venden, polo prezo que lles custou, as persoas que non poden asistir. Ao remate, o público, posto en pé, estivo aplaudindo durante máis de quince minutos.

Xa se sabe que Wagner esperta entusiasmos case relixiosos e que en todo o mundo existen eses devotos que se coñecen como wagnerianos. Creo que xa teño contado aquí que, en Xinzo da Limia, cando eu era rapaz, había tres irmáns que se chamaban Fausto, Parsifal e Lohengrin. Non fai falta dicir a que confraría pertencía o seu pai.

Cando a afección pola música se converte en fervor e adoración, a caricatura non é cousa difícil. De Wagner téñense feito algunhas moi crueis. Queda aínda ademais o ensarillado asunto da asimilación política da súa estética por parte dos nazis. Con todo isto, a relación coa arte deste home vólvese ambigua e complexa. Confeso que asistín ao primeiro acto con reservas, quizais con prexuízos. O segundo impresionoume pola súa grandiosidade. O lirismo do terceiro acabou por cativarme.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de setembro de 1993.