La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os afeccionados ás películas e aos documentais sobre a natureza coñecen ben a Alan Ruut, o home que gravou as escenas dos gorilas na célebre película de Dian Fossey. Onte pasei unha boa parte da mañá lendo unha reportaxe sobre este señor, que desde hai anos vive nas aforas de Nairobi, entregado á observación dos animais salvaxes, polos que sente adoración, a pesar de que del se ten dito con acerto que foi comido por eles en vida. Efectivamente, a Ruut fáltanlle os dedos que lle levou unha serpe, ten un buraco non sei onde, polo que lle colle unha botella, que lle fixo un rinoceronte, e ten as costas cheas de cicatrices do ataque dun gorila.

Nunha ocasión, deu un salto para observar que era o que fixera fuxir despavorida unha especie de curuxa e caeu xusto diante dos ollos dun leopardo, que o atacou e lle deu dúas mordedelas espantosas nas nádegas. Mesmo non se librou da furia dunha mangosta nin dun antílope. Sempre que Alan Ruut narra un destes episodios, refírese aos atacantes coa mesma frase: “Vese que tiñan un mal día”.

Segundo conta na reportaxe á cal me refiro, Ruut ten decidido que o día que morra non quere ser enterrado, senón que pretende que o deixen nun lugar do parque natural, perto do sitio onde vive, para que os animais o coman de forma definitiva, sen agobios nin loitas, con tranquilidade. Aínda non atopou ese sitio, pois está pre ocupado polo feito de que hai tantos turistas filmando por alí que ten medo a aparecer nun noticiario da CNN, mentres os seus amigos animais o devoran, convertido en auténtica carnaza, daquela destinado a alimentar o morbo dos millóns de espectadores que buscan, de cadea en cadea, as emocións máis fortes sen saír da casa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de setembro de 1999.