La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Remato coas historias de Gimeno. Xa dixen que tiña un claro talento literario, desperdigado, como sucede tantas veces, nos periódicos, pero que coallou en novelas interesantes. A pesar do aire refunfuñón e amargo, era un grande humorista, por máis que se empeñara en escribir dramas rurais terribles, que nunca gañaban o Nadal. Nos sesenta, convocouse en Valencia a Olimpiada Internacional do Humor. Gimeno presentou unha novela sobre un americano chamado Jimmy Castiñeiras e obtivo o galardón. Como non tiña moito sentido da medida, ao ano seguinte presentouse e gañou de novo, con “La Perfecta, casada”. E aínda conseguíu a tercera edición, con  “Amor con amor se apaga”.

Un día díxome que se quería presentar por cuarta vez e se lle podía mandar a novela desde Suecia, para evitar que o xurado desconfiara. Respondinlle que era case seguro que ían abrir as plicas antes. Eso a el non lle importaba, así que lle cumprín o gusto. Pero sucedeu que non resultaba difícil de imaxinar: antes de anunciar o premio, averiguaron o nome do autor e ao ver que se trataba, unha vez máis de Juan V. Gimeno, decidiron declaralo deserto e non convocalo nunca máis.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10  de xullo de 1992.