Cando apareceu o teléfono por primeira vez, un paisano que non entendía ben en que consistía aquel aparato novo, do que falaba todo o mundo, preguntoulle a outro se lle podía explicar de que cousa se trataba. Este último díxolle: “Moi simple. Imaxina un can tan grande que mida tanto como a distancia que vai da Coruña a Barcelona. Pois ben, písaslle o rabo ao animal na primeira das cidades e solta o ladrido na outra. ¿Entendes?” Naturalmente que o home entendía, pois a explicación non tiña nada de complicado, pero o que quedaba resolto polo que respecta ao teléfono, convertíase en problema no que se refire ao bicho: “O malo é darlle a volta ao can“.
Desta historia rusa, que aquí adaptamos a Galicia, asegura Joseph Epstein que é unha proba ben clara do fráxiles que poden ser as metáforas e as analoxías cando se utilizan nos razoamentos. Onte, por exemplo, eu escoitei na radio un señor que dicía que o problema dos servizos secretos dun país e a súa relación coa lei era igual que meter unha raposa nun galiñeiro e esperar que coidase das galiñas.
A proba dos perigos que encerran este tipo de linguaxe viuse cando un dos contertulios lle dixo ao autor da comparación que non lle agradaba nada que lle chamase galiña, que equivalía a chamarlle covarde, ao cal lle respondeu o interpelado dicindo que esa non era a súa intención e que ademais a el non lle importaría que lle chamasen raposa. “Ou sexa —replicou o primeiro— ¿que non che importaría ser espía?”. “Ofendido, o outro respondeulle: “Prefiro ser unha raposa antes que axente dos servizos secretos”. Dentro do exemplo escollido, eu penso que a lóxica obrigaba a este último a elixir ser unha pita. Claro que é mellor aínda pensar coa cabeciña.
Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de xuño de 1998.