O pasado día 6 de decembro, no seu despacho de Washington, o inventor da nova revolución americana, o célebre Newt Gingrich, púxose a chorar como unha Magdalena. Acabábanlle de comunicar a constitución dun comité para investigar a súa conduta moral. Parece que choraba como os rapaces. El, que non aforrou adxectivos para denigrar aos seus adversarios, aos que chamaba corruptos, grotescos ou tolos, e que dicía que a Casa Branca era unha cova de drogadictos, por fin foi collido nas patacas.
Antes, foi un heroe nacional para moitos americanos, que creron de boa fe que ía transformar o país. Cando se soubo que Woody Allen tiña amores coa súa filla adoptiva, botoulle a culpa aos demócratas, aos que acusou de depravados. O mesmo fixo cando os periódicos contaron o caso dunha nai que afogou ao seu propio fillo.
A min, Gingrich sempre me pareceu un golfo, bastante incompetente, pero audaz. Confeso que houbo un momento en que me deu algo de medo, sobre todo cando vin que as cousas lle ían ben e que tiña encandilada a maioría da opinión pública americana. Afortunadamente, hoxe ninguén dá un figo por el. Tanto que os seus colegas de partido non queren que fale en público, pois cada vez que di algo, Clinton medra en popularidade. O curioso é que todo o que fixo Gingrich estaba dirixido precisamente a lograr o contrario.
Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de xuño de 1996.