La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo unha crónica, escrita hai xa tempo e recollida agora nun libro, que conta o barullo que se organizou un día no centro de Londres por culpa dun can. O asunto empezou  cando o pobre animal sufriu un pequeno golpe, que finalmente non tivo consecuencias, como resultado da manobra imprudente dun condutor. O tráfico quedou paralizado durante varios minutos, non por cuestións técnicas relacionadas co accidente, que non as houbo, senón porque a xente se interesaba sinceramente pola sorte do animal.

O cronista destaca o feito de que a dona do can choraba de maneira desconsolada, como choraba igualmente o responsable do  tropelo, pero sen que o público congregado se interesase por eles, preocupado como estaba por saber se o bicho ía morrer. Por último, resolto o suceso de forma favorable, todo o mundo se foi.

O autor da crónica censura a conduta do público, que lle parece ridícula, e aproveita a ocasión para recordar a extravagancia dunha señora, tamén inglesa, que no seu testamento lle deixou unha fortuna millonaria en libras a unha tartaruga que tiña na casa. Todo isto lle parece ridículo ao cronista. A min, en cambio, que non ignoro a arbitrariedade dos humanos nestas e noutras historias, paréceme que o lamentable non son os excesos da bondade da xente cos animais, senón que aquela non chegue tamén ás persoas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xuño de 1997.