La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, desde Italia contei a historia dunha rapaza de Vicenza a quen un admirador lle enviou mil rosas vermellas, unha homenaxe galante que estivo a punto de acabar co noivado da moza, pois o seu prometido, un dentista, non entendía que todo aquilo puidese suceder sen que ela dese motivos. Por outra parte, como dixen tamén, non é a primeira vez que esta muller provoca incendios como este. Hai pouco, un señor regaloulle unha Harley Davidson, pois a mociña parece que ten a afección das motos.

O sábado, no periódico de Módena vin unha foto da rapaza. A verdade é que debe de ser bonita. O mesmo periodista que firmaba a información non aforraba eloxios nin adxectivos, algúns deles postos en boca de veciños e amigos da interesada.Un deles chamáballe divina; outro aseguraba que nunca vira unha muller tan fermosa.

Sexa como sexa, a historia parece que rematou sen maiores consecuencias. A guapa segue co seu mozo, está conmovida co detalle do seu admirador e cre que, pasado algún tempo, todo se irá normalizando. As mil rosas mandounas repartir polas igrexas da cidade, ademais das que lles enviou ás súas amigas. Polo demais, ao ser preguntada polos periodistas respecto do seu futuro, dixo que a ilusión da súa vida sería converterse en piloto de fórmula un. Nese caso, o próximo admirador podía regalarlle mil botes de aceite, a ver se ten máis sorte.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de abril de 1997.