La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O artigo de onte, no que falaba das mulleres dos beduínos, pagadas con camelos, dáme pé para tratar hoxe doutro tipo de relacións amorosas que se dan en Israel, desta vez entre mozos e mozas xudeus ortodoxos. Como se sabe, estes fieis seguen dunha maneira moi estrita as normas da Torá, que é como eles lle chaman aos cinco primeiros libros da Biblia. Esa é a razón de que os encontros entre rapaces e rapazas sexan infrecuentes, o cal dificulta os noivados. Para resolver este problema real, existe naquel país unha figura tan insólita como respectada, a casamenteira, á cal acoden os pais para que lles axude a preparar futuros matrimonios.

A casamenteira empeza por poñer en relación un rapaz e unha rapaza descoñecidos, que se ven na casa da moza, sempre en presenza dos pais de ambos os dous. Se o primeiro encontro  non sae mal e os candidatos cren que poden chegar a algo, prodúcense máis reunións, ata catro ou cinco nun mes. Por último, cando a parella ten claro que quere seguir, entón xa se poden ver a soas.

Un lugar moi utilizado para eses encontros son os vestíbulos dos hoteis. En Xerusalén, víanse sentados nos sofás do Hilton, convenientemente separados entre eles, protexidos pola presenza inevitable dunha multitude de clientes e empregados, como se non fose suficiente para preservar a virtude de ambos a coiraza das súas crenzas relixiosas. Debo dicir que, a pesar de todo, parecían moi contentos. Nestas cousas resulta moi difícil xulgar outras culturas cos criterios da propia. O que pasa é que un se sente moi satisfeito de non ter que mercar a muller por un camelo nin ter que ir aos hoteis, polo menos aos vestíbulos, para verse cunha moza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de decembro de 1998.