Non estiven dentro do palacio de Miraflores, residencia do presidente da República de Venezuela, pero vino por fóra. O primeiro que me sorprendeu foi o enorme cuartel do exército que hai nas inmediacións. Supoño que, en principio, esas gornicións militares están alí para defender e protexer o primeiro mandatariodo país. Con frecuencia, non obstante, de alí saen as ameazas: os tanques non teñen máis que atravesar a rúa, tirar a cancela de ferro e impoñer a súa vontade pola forza. Non sería a primeira vez.
Outro feito que me chamou a atención foi o barrio onde está situado o citado palacio. Desde as súas ventás, o señor presidente, só con mirar cara ao exterior, pode ver os ranchitos dos pobres colgados das abas dos montes veciños. Son miles de casetas de ladrillo sen revestir, a miúdo sen fiestras, pura miseria marxinal.
Por pouca sensibilidade que teña o señor presidente, unha cualidade que a priori non se lle pode negar, terá que botar contas: aquel escándalo nun país inmensamente rico, asentado sobre un mar de petróleo. ¿Cales serán os xigantes que gardan eses tesouros para uso dunha minoría e con que forzas contará aquel home para obrigalos a permitir un reparto máis xusto? Supoño que as forzas non han ser moitas, en vista dos resultados. Non sería de estrañar, polo tanto, que o señor presidente mire pouco pola ventá.
Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de decembro de 1997
Nota do editor: no ano do artigo era presidente de Venezuela don Rafael Caldera Rodríguez , que tamén o fora de 1969 a 1974.