O día 1 de xullo do ano 1946, o exército dos Estados Unidos levou a cabo a Operación Crossroads, que consistiu en estudar os efectos das bombas atómicas lanzadas apenas un ano antes sobre as cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki. Para realizar o experimento, os militares colocaron no atolón de Bikini, situado no mar Pacífico, máis de noventa barcos de guerra cheos de animais diferentes, previamente seleccionados con criterios científicos. En realidade, os bichos tiñan que facer o papel de persoas, pobres desgraciados.
A proba foi un éxito, aínda que a cantidade de barcos afundidos resultou case ridícula: arredor de dez. O importante, sen embargo, era averiguar que ocorrería coas tripulacións, caso de que en vez de animais fosen xente. Un número considerable morrerían inmediatamente, pero todos quedarían tan afectados polas radiacións que non terían ningunha posibilidade de sobrevivir. O que non se entende ben é por que razón houbo que sacrificar a tanto animaliño se xa se sabía que en Hiroshima pereceran máis de duascentas mil persoas.
Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de agosto de 2000.