Era un policía alto e rudo, grande ata o linde da anormalidade, de pel roxa e rubicunda como unha salchicha, e estaba empeñado en atopar non sei que mercancía ideolóxica sospeitosa na miña maleta. Foi na República Democrática Alemá, mesmo nas portas de Berlín, haberá preto de vinte anos. Mentres o gardián miraba con atención rolos e máis rolos de película, eu observaba o retrato desmesurado de Erich Honecker que ocupaba literalmente unha parede do cuarto onde me estaban inspeccionando.
Nada recorda aquela fotografía de onte a esta que nos ofrecen os periódicos estes días. O dirixente comunista estaba daquela no cumio da súa carreira política e desde o papel exhibía un xesto de poder que a min me parecía teatral e que o seu fotógrafo debeu xulgar digno e firme, xusta representación de alguén que mandaba de forma tan rotunda sobre o conxunto uniforme dos seus súbditos.
Velo agora no estado actual inspira certa simpatía, sobre todo porque a situación pola que pasa non ten nada que ver coa xustiza, senón coa conveniencia daqueles que poden tirar algún proveito do seu encarceramento. Pura trampa. A caída do muro, a reunificación alemá, os fenómenos sociais e culturais que van aparecendo no seu antigo feudo hai tempo que someteron a este señor á peor das condenas. Incrementalas parece un acto de crueldade inútil, non o saldo dunha conta coa Historia.
Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de agosto 1992.