Nun dos meus libros teño contado a historia dun carlista ourensán moi pintoresco que dicía de Isabel II cousas que nin sequera se lle tiñan ocorrido a Valle-Inclán. Non contento con airear os nomes de cada un dos amantes da raíña, o cal lle servía para dicir que a soberana era un monstro de luxuria, inventáballe pecados que a señora nunca cometeu; por exemplo, que lle chamaba maricón ao rei consorte. Hoxe sábese, non obstante, que nin sequera en círculos íntimos se atreveu a nomealo nunca con outro alcume que o de Paquito Natillas.
Había tamén na miña vila un personaxe curioso e pulcro, educado e discreto, que tiña a teima de que Franco era un ignorante e escribía con faltas de ortografía. Aínda que algunhas biografías modernas parece que lle veñen dar a razón, iso non modifica en nada a condición do xeneral, da mesma maneira que o feito de que Isabel II lle chamase daquela maneira ao seu home non a fai máis golfa do que foi.
Os periódicos e os noticiarios destes días recollen abundancia de testemuños directos sobre o individuo que presuntamente puxo a bomba en Nova York. En xeral, son veciños os que falan e case todos coinciden no mesmo: que se trataba dun home educado e amable, sen aspecto de terrorista nin sinal externo de ningún tipo que permitise pensar que podía ser un desalmado. Naturalmente, a natureza fíxolles o favor aos criminais de non marcalos con ningún trazo anatómico especial. Un error. O lóxico sería que se parecesen a algún bicho.
Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de marzo de 1993.