La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De don Juan de la Cova, o toliño ourensán a quen me referín onte aquí, díxose sempre que esculpira un San Roque para a parroquia de Velle, nas inmediacións da capital, e que, falto de madeira para rematalo antes de que empezase a novena, fixo o can cun nabo, que pintou con purpurina para disimular. A calor de agosto, mes da festividade do santo, encargouse de que o animal secase e encollese, ata quedar totalmente mirriado, o cal atribuíron algúns a un milagre. Esta, como algunhas outras historias que forman parte da lenda do personaxe, é apócrifa. O mesmo don Juan a desmentiu en vida nunha carta, chea de faltas de ortografía, que se publicou nunha coñecida revista galega do século pasado. Pero algo había debaixo.

Efectivamente, don Juan, ademais de poeta, perito agrimensor, dramaturgo, inventor e outros títulos que figuran á fronte das súas obras, era tamén escultor. E non debía ser malo, pois na parroquia de Santa Eufemia, en Ourense, nun altar lateral que está entrando á esquerda, figura unha imaxe de San Benito tallada por el. Non desmerece de todas as demais do templo.

Cando a vin por primeira vez, entráronme dúbidas sobre a entidade real de don Juan. Don Ramón Otero Pedrayo, que cando era neno o coñeceu, díxome nunha ocasión que se trataba dun pobre infeliz a quen os señoritos da cidade tomaban de chirigota, ata o punto de que o tiveron exposto nun escaparate durante vinte e catro horas para que recibise a homenaxe de todo Ourense por un premio que nunca lle fora outorgado. A don Vicente Risco, en cambio, escoiteille falar moi eloxiosamente do tal individuo, ao cal lle atribuía algún tipo de talento. Algo debía ter para que cen anos despois aínda sigamos falando tanto del.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de novembro de 1999.