La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dixen onte que o rapaz inventor do cine Pipa Verde, Quinito Peláez, actuaba na emisora de radio de Xinzo como home orquestra. Falo de La Voz de La Limia, na que eu fun locutor e guionista de programas nos meus anos de estudante de bacharelato. Ganaba setecentas pesetas, que daquela non era pouco diñeiro, coas cales mercaba libros e adquiría revistas. Un dos programas que escribía e presentaba, titulábase “Diálogos entre Orto y Grafo”. Un día, durante unha emisión cara ao público, o meu compañeiro Grafo, que se chamaba Manolito Dobaño e era do meu mesmo curso, tivo unha metedura de pata involuntaria que acabou pagando con lágrimas.

Non se lle ocorreu outra cousa que, nunhas palabras iniciais improvisadas, dicir que nós estabamos alí para aprenderlles ortografía á xente da vila, que non sabía demasiada. Armouse un lío tremendo. Un grupo de xente indignada e ofendida chamoulle “chulería patata fría”, “lambón”, “abisinio”, “apalominado” e outras cousas semellantes. Menos mal que un sector do público aplaudiu para acalar o escándalo.

Naquelas veladas, que se celebraban nun cine, un dos números fortes era o Pelado de Damil, un señor que non tiña un só pelo en todo o corpo, que cantaba de maneira desastrosa e que era un pouco inocente da cabeza, a quen levaban alí para rirse del. Acababa tirándose ao chan de golpe e pegaba unhas zoupadas espantosas. Acto seguido, falaba don Cesáreo, o párroco, e por veces, unha señora devota que dicía que tiña o peito inflamado polo Corazón de Xesús. Non había televisión, pero pasábase ben. Polo menos, iso nos parecía a nós, aínda que ao mellor simplemente sucedía que nos aburriamos sen sabelo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de novembro de 1997.