La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non me acordo xa como se chamaba aquel deputado vasco, barbudo e radical, que na noite do 23 de febreiro, cando o golpe, colleu unha lancha en San Sebastián e fuxiu de forma atolondrada ata perderse en alta mar. Uns meses despois, pa sado o perigo e rescatado o home das augas, nun coloquio público alguén lle afeou o seu proceder e lle reprochou un comportamento tan pouco gallardo. El respondeu cinicamente que o primeiro deber de todo revolucionario era conservar a propia vida.

Cunha mentalidade tan roñosa dificilmente se pode ser un heroe. Deuse ademais a circunstancia pouco gloriosa de que cando aquel señor se atopaba perdido no medio das augas, loitando a brazo partido contra os elementos, pasara por alí un barco da mariña española, que lle salvou a vida e o remolcou ata terra.

Algo parecido lle acaba de pasar a Alexander Rutskoi. Un esperaba que este home, heroe da guerra de Afganistán, metido nunha aventura tan enlouquecida que parecía unha arroutada romántica, saíse dela como saíron sempre destas traxedias os toliños que as provocan: voando a tapa dos sesos. Pois non. Primeiro esixiu garantías para a propia vida, unha preocupación que non tivo pola dos demais; despois púxose pálido; por último negou que el dese ordes de asaltar a sede da televisión.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6  de outubro de 1993.