Onte tiña que dar unha conferencia no Hunter College, pero antes achegueime ata o Dia Center, un dos centros de arte contemporánea máis importantes do mundo, que ofrecía tres exposicións de tres artistas de primeira categoría: Joseph Beuys, Robert Irwin e Thomas Schütte. Tal como esperaba, a que máis me interesou foi a de Irwin, formada por uns vinte espazos cúbicos, a xeito de cuartos, construídos con paneis de gasa e iluminados por barras de neón de distintas colores. A atmosfera creada producía esa sensación física agradable que se sente nos espazos de Irwin, un escultor máis preocupado polas experiencias que polas ideas.
A exposición de Schütte, inzada de pequenos bonecos de madeira e modelos reducidos de escenarios, resultoume irónica e simpática. Xa lle vira cousas parecidas no Porto hai pouco aínda. Polo que respecta a Beuys, deixoume frío, como case sempre, sobre todo as esculturas realizadas en feltro e aceiro, incluído tamén o espazo titulado “Neues vom Kojoten”, tantas veces visto en reproducións.
Non puiden ver desta vez, en cambio, un dos maiores atractivos do Dia, a obra en cristal de Dan Graham que está na terraza do edificio. A causa era o vento. Cando entrei, unha rapaciña xaponesa, probablemente estudante de arte, que dicía que viñera a Nova York co soño de ver aquela obra, preguntaba se era previsible que aínda se abrise a terraza durante o resto do día. No momento de marchar eu, ela seguía alí, sentada nun banco de madeira, esperando quizais un milagre. Se de min dependese, por suposto, paraba o vento, aínda que fose só durante uns minutos. Ás veces custa entender por que Deus non se preocupa destes pequenos detalles.
Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de outubro de 1998.