La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte citei aquí a morte do capitán Piñel, un oficial da Garda Civil, de Xinzo, que morreu nun enfrontamento coas xentes do maquis perto de Ourense, alá polo final dos anos corenta. Era, como dixen, avó duns amigos meus. Anos despois, tiven a oportunidade de coñecer un dos homes que participaran naquel suceso, pero desde o outro lado, e que agora é tamén un bo amigo meu. Temos falado daquilo, máis por interese e curiosidade da miña parte que pola vontade del, que supoño prefire non recordalo.

A morte do capitán non foi escollida, quero dicir que se debeu ao azar dun encontro entre forzas enfrontadas e que houbo mortos nos dous lados. Se toda morte violenta resulta inxusta e inaceptable, a do capitán Piñel sempre me pareceu espantosa. Polo que sei, era un home bo. Digo isto porque moitas veces lle escoitei falar del a Conchita Cadórniga, boa amiga da miña nai, e aos seus fillos, en termos que non deixan espazo de ningún tipo á retórica funeral, esa especie de coroa poética que se lle asigna co tempo a todos os mortos, incluso aos malos.

Durante a guerra, o pai de Conchita, que era maxistrado e a quen lle tocara presidir o tribunal que condenara a José Antonio Primo de Rivera por tenza ilícita de armas, converteuse en obxectivo dos asasinos, que se aproveitaron das circunstancias para facer o que lles pedía o corpo, que era matar. Por esa razón fórono buscar á casa, pistola en man. Por sorte para el, anticipouse o capitán Piñel, que llo arrincou das mans e que o trasladou ata Ourense, convenientemente armado cunha metralleta, mentres era seguido polos sanguinarios. Aquel xesto xeneroso do capitán non impediu que anos despois o matasen a el; desta vez, os do bando contrario.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de  setembro de 1999 .