La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Outra vez

En relación co artigo de onte, no que falaba da vellez, un amigo díxome que lle parecera algo pesimista, impresión que eu non teño, en parte porque non vexo esa etapa da vida como unha desgraza. O meu avó Herminio, por exemplo, que viviu máis de noventa anos, foi sempre un vello alegre e contento, tanto que unha vez, quizais na última ocasión na que falamos, uns días antes da súa morte, díxome unha cousa sorprendente: que fora e era feliz. Tamén me dixo que só lle quedaba un pequeno detalle para que a vida fose boa con el ata o final: morrer sen darse conta. Así foi. Servíronlle o almorzo na cama, botouse a durmir e non espertou.

Coa miña avoa pasou algo parecido. Foi unha vella festeira, que aos oitenta anos se apuntaba a calquera diversión, que con frecuencia organizaba ela mesma. Era tan alegre que levaba un … Seguir leyendo

Discutir por discutir

Onte pola mañá, mentres viaxaba no coche de Vigo a Santiago, fun escoitando na radio unha discusión amarga sobre un problema relativamente menor: o sentido cultural da Semana Santa andaluza. O contertulio máis radical, ateo furioso, acabou descualificando ao seu adversario de xeito contundente. Dixo que discutir por discutir, para el carecía de sentido e que nunha controversia só lle interesaba o intercambio de ideas, non o debate en si. Unha maneira antiga e non demasiado orixinal de chamarlle parvo ao adversario.

Incluso unha opinión como esa resulta problemática. Hai unha historia relacionada con Chesterton, perfectamente contrastada, que se o citado contertulio a coñecese, levaríao a dubidar da súa afirmación. Como é sabido, o célebre escritor inglés era un discutidor incansable, sobre todo cando discutía co seu irmán.

Un día empezaron a discutir os dous pola mañá, mentres almorzaban. Os pais fóronse da casa e cando volveron á hora de … Seguir leyendo

Un axente da CIA

Hai anos coñecín un antigo axente da CIA, oficial xubilado do exército americano, con quen cheguei a manter algún trato. Rifamos de forma bastante violenta uns días antes do golpe de Estado que deu Pinochet contra o goberno de Salvador Allende. Entón decateime de que a curiosidade literaria que espertara en min o personaxe non merecía a pena cambiala polo rexeitamento moral que me inspiraba o seu apoio a uns plans que incluían, segundo el mesmo proclamaba, a necesidade de sacrificar a vida do presidente chileno.

Era brutal e carecía de complexos. Dono, en cambio, duns magníficos dotes de narrador oral, describía a súa actuación na guerra de Vietnam cun rigor de detalles que, á parte dos calafríos que producía a pintura dos episodios máis salvaxes nos que tiña participado, o acreditaba como un tipo insensible e arrogante. O fotógrafo Pepe Suárez dicía del que era unha mula con cascos … Seguir leyendo

Obxectos de colección

O sábado escoiteille dicir a un amigo que el lera nalgún sitio a noticia de que un home escribiu a Biblia nunha faba. Algúns dos presentes botáronse a rir, aducindo que unha cousa así sería absolutamente imposible. Un pintor que estaba na reunión aportou datos a favor da posibilidade de tal empresa: parece que para ese tipo de escrituras microscópicas hai unhas plumas que teñen o grosor dun pelo e que as persoas que se dedican a estas fazañas traballa con lupa, ademais de que dispoñen dun pulso de ferro.

A min estas probas de habilidade humana para a extravagancia non me custa nada aceptalas, pois creo que neste campo non está marcada a fronteira do imposible. Desde que existe a televisión, temos visto xente capaz de saltar por riba das leis da lóxica: o mesmo comer pratos que atravesar o corpo con agullas, por exemplo.

A conversa na que … Seguir leyendo

Coloquio

Onte estiven nun coloquio cun grupo de estudantes. Á miña esquerda sentábase unha rapaza bonita, vestida cunha minisaia que lle caía moi ben. Supoño que ela o sabía, pois polas preguntas que me fixo demostrou ser unha muller intelixente, aínda que, ás veces, os complexos infundados son máis fortes que a propia intelixencia: a alma adoita ser sempre máis potente que a cabeza. O caso foi que, ao final, cando se ía, a rapaza, que se chamaba Noelia, quedou atrás para falar comigo. Queríame entregar, para que lla lese, unha novela que escribiu. Fareino con gusto. Unha novela ben escrita pode ser tan fermosa ou máis que unha mini-saia.

Ou máis fea tamén. Don Vicente Risco falaba dun novelista que en vez de dicir que unha moza noviña morrera dunha hemoptise un xoves pola tarde, escribiu: “Na hora do crepúsculo do xoves pasado, Emilia fixo florecer cinco rosas vermellas sobre … Seguir leyendo