La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eses bichos

Estes días, referíndose ao asasino da nena de Vilalba, son moitas as persoas que falan friamente de formas de vinganza refinadas e brutais, todas merecidas polo monstro. Cando a xente se atopa cunha degradación tan grande do ser humano como nesta ocasión, sente o dereito de considerar que a esta especie de bichos non lles de bían alcanzar os beneficios que lles corresponden ás persoas, incluídos eses criminais que nun momento de arrebato pasional collen unha arma e acaban coa vida dun semellante.

Dicíame un amigo que a fronteira está moi ben definida nas prisións, onde os inquilinos toleran calquera acción, por salvaxe que sexa, contra os adultos, pero non soportan os delitos contra os inocentes. Esa é a causa de que aos responsables de crimes nos que as vítimas son nenos, os seus compañeiros de cárcere os agredan e pretendan linchalos. Non os consideran xente.

En realidade, ¿son xente? … Seguir leyendo

Porteiro

Non sei se algún día falei aquí dunha compañía de boxeo que había en Ourense, alá cando eu era neno, e que andaba organizando combates polas vilas. Eu vin unha daquelas veladas na pista de baile do Café Antela, en Xinzo de Limia, e recordo moi ben os nomes de dous dos boxeadores que se enfrontaron naquela ocasión, un que se chamaba King Kong e outro que respondía por Carqueixa. O primeiro levaba un Sagrado Corazón tatuado no peito e unha señora despampanante nas costas. O segundo fungaba moi ben, tanto que, despois daquel combate, os nenos estivemos xogando a sermos boxeadores durante algún tempo e tratabamos de imitar aquel ruído feito co nariz.

A xente dicía, agora sei que sen fundamento de ningún tipo, que un daqueles homes era millonario, que gañara moito diñeiro combatendo polo mundo adiante, pero que non se resignaba a vivir no anonimato, fóra do … Seguir leyendo

Inocencia

Onte estiven falando con Marilia, a nena da rapaza que nos axuda nas tarefas domésticas, que en novembro vai cumprir tres anos. Hai uns días que empezou a escola e ten moito que contar. Está aprendendo os nomes dos compañeiros e compañeiras, pero de momento só sabe dicir o de Carla. Contoume que a profesora lle deu un azoute, aínda que non conseguín que me dixese por que.  Polo de agora, o que máis lle gusta é tirarse polo tobogán, xogar na area e pintar na libreta, que ten xa completamente chea de debuxos.

Estivemos vendo todos, un por un. Para que eu puidese entendelos, púxose en actitude de profesora, pois sentíame analfabeto total. O que para min non eran máis que liñas sen sentido, igual que lles debe pasar cos letreiros das rúas e dos comercios ás persoas que non saben ler, tiñan para ela un significado clarísimo: aquí … Seguir leyendo

Unha carta con amor

Onte falaba aquí da xente que escribe cartas para outros, un costume que en España está desaparecendo, pero que se practicou con regularidade ata hai poucos anos. Na miña casa traballou unha moza que dependía de nós, os rapaces, para poder cartearse co noivo durante as vacacións. Aínda hoxe non entendo como aquela relación acabou en matrimonio, despois dos agravios que creamos entre eles a base de inventar contos, algúns certamente perversos.

A maldade dos nenos é inversamente proporcional á súa inocencia. Coñezo un xastre nunha aldea de Ourense que aínda hoxe se divirte léndolles aos veciños cousas que non veñen nas cartas. Ás veces, comunica herdanzas estrafalarias ou avisa de fenómenos prodixiosos. É verdade que os paisanos desconfían del, pero probablemente recorren aos seus servizos para alegrarse un pouco. Non é fácil vivir sen soños.

Unha escritora galega, de familia humilde, contoume nunha ocasión o que lle sucedeu cando … Seguir leyendo

Abrazar as árbores

En Suecia hai un movemento de ecoloxístas que se dedican a abrazar as árbores. Hai pouco, nas aforas de Estocolmo, na inmensidade verde de Näsby Park, asistín a unha manifestación deste grupo. Confeso que ver a homes e mulleres adultos, moitos deles con aspecto de xente formal, sen extravagancias, facendo caricias ás árbores e dándolle bicos e abrazos, produce unha certa sensación de ridículo. Polo menos ese foi o sentemento que eu experimetei.

Unhas semanas despois, instalado de novo na miña terra, na pequena aldea onde vivo, asistín con impotencia á tala salvaxe e indiscriminada dun pequeño bosque por onde u adoitaba pasear. Mentres catro bárbaros ben provistos de motooserras e outros artiluxios mecánicos se dedicaban a cortar troncos, un pequeño grupo de paisanos contemplaba a operación con indiferencia absoluta, fascinados quizais polas maraillas dunha técnica que permite liquidar un bosque en apenas quince minutos, pero insensibles á voracidade depredadora … Seguir leyendo

Un milagre necesario

Hoxe escribo desde Asturias, onde vou participar, como cada ano por estas datas, no encontro de escritores de Verines. Agora mesmo estou no meu cuarto, sentado diante da fiestra, cos ollos entre a pantalla do ordenador e a praia da Franca, este pequeno recuncho do Cantábrico metido entre penedos do que resulta difícil esquecerse cando un está lonxe de aquí. É unha cala estreita e brava, con covas nas paredes dos montes cortados a pico, onde o mar ronca con furia. Con este ruído, de noite dórmese moi ben.

Fixemos a viaxe en coche. A pesar de que as estradas melloraron moito, Galicia e Asturias aínda seguen lonxe. Para entreter as horas que pasamos no camiño, os catro participantes galegos viñemos falando sen parar. Naturalmente que a literatura e as lecturas de cadaquén ocuparon unha boa parte da conversa, pero non só iso.

Marilar Aleixandre contou unha historia sobre unha … Seguir leyendo

O presidente

O luns pola tarde, cando ía facer un recado ao centro de Manhattan, ao pasar pola Quinta Avenida, á altura da catedral de San Patricio, atopeime con centos de policías e unha caravana inmensa de motos Harley-Davidson circulando en formación. No medio, nun coche grande de color negro, o presidente Clinton e a súa muller. Ían os dous sorrindo e saudando a xente que lles aplaudía. Había de todo, pero pareceume que a actitude, en xeral, era respectuosa. Naturalmente, non todo o mundo está de acordo: ao meu lado, un señor forte e ben vestido, duns sesenta anos, facía uns xestos de repulsión moi evidentes, como se o presidente lle producise noxo.

Pola noite, cando ía para a casa, en Times Square volvín ver a mesma riada de policías que vira pola tarde e, nunha esquina da praza, xente que berraba, uns con pancartas nas mans e outros sen elas. … Seguir leyendo

Un bo recordo

O venres pola tarde, cando regresaba de Asturias, no momento en que me estaba apoximando a Oviedo déronme a noticia da morte de Filgueira Valverde. A véspera, mentres ceabamos ao aire libre en Colombres, no xardín do Arquivo de Indianos, un dos asistentes, escritor e profesor na Universidade Complutense, preguntoume por el, a quen coñecera había uns anos en Madrid. Díxenlle o que sabía, que estaba moi mal. A novidade, polo tanto, non me colleu de sorpresa, pero non por iso deixou de impresionarme.

Vin a Filgueira por última vez o pasado día 27 de agosto pola mañá, no cemiterio de Boisaca, onde nos xuntamos cinco amigos para levarlle unhas flores a Ramón Piñeiro, na data do seu cabodano. Atopeino moi desmellorado. A pesar do fresco que corría, case frío, estivo rezando en silencio un cachiño diante da tumba.

Despois falamos un pouco e fixo unhas consideracións sobre a morte, … Seguir leyendo

Congreso de Verines

Acabo de chegar a Asturias para participar no Congreso de Escritores de Verines, un rito que veño cumprindo con moito gusto desde hai dez anos, sempre por estes días xa outonizos do mes de setembro. Mentres escribo este artigo teño diante de min, a través das grandes ventás do hotel, unha pequena praia do Cantábrico. A auga está limpa e loce unha viva color verde. Cando remate con esta miña obriga, vou baixar dar un paseo e facer unha visita a unhas covas furadas no monte, aquí ao lado, nas que bate a auga do mar.

Pola noite, despois de cear, nun amplo salón que temos na planta de abaixo, os amantes da conversa roubarémoslle ao corpiño un pouco de sono, quizais tamén algo de saúde, para facer tertulia ata horas pouco cristiás da madrugada. Entre os novelistas invitados hai xente que sabe moitas historias e o tempo pasa rápido.… Seguir leyendo

Xeografía

O domingo pasei unhas horas en Sevilla cuns amigos. Pola noite, cando regresabamos ao hotel, o taxista que nos levaba, un rapaz novo e simpático, un pouco infeliz e bastante falador, preguntounos se eramos de Madrid. Respondímoslle que non e dixémoslle que viñamos do noroeste. “Ah, de Barcelona”, comentou. Entón, un de nós explicoulle que se dobraba o mapa polo medio, seguro que lle saían as contas. Como tampouco pareceu entender, eu mesmo lle puxen o asunto diáfano: díxenlle que viñamos de Vigo.

Nese momento, sen comentario de ningún tipo, o rapaz cambiou de conversa e contounos que non lle gustaba o fútbol nin os touros e tamén farfullou algo respecto da calor que fixera durante o día. Logo, sinalando un auto que ía diante de nós, con matrícula de Logroño, dixo: “Ahí tienen un coche de su tierra”. De xeito tácito, os tres amigos calamos, convencidos de que sería … Seguir leyendo