La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Xa falei onte do libro que escribiu a muller de Saint-Exupéry, o autor de O principiño, que está conmovendo a opinión pública mundial, sorprendida de que o autor dun libro tan fermoso, lido con amor por millóns de persoas, fose un marido tan disparatado. Sen xulgalo polos seus amoríos de ocasión ou polas súas infidelidades, o certo é que do retrato que del nos deixou Consuelo Sucin resulta un home extraordinario. Por veces, un ten a impresión de atoparse diante dun tolo, por momentos parece un neno grande, nalgunhas ocasións semella un ser humano profundamente infeliz. Sen embargo, sempre o vemos como unha persoa excepcional, dotada dunha capacidade inmensa para querer. E para facer sufrir.

Está claro que Consuelo padeceu ambas as dúas. Durante os anos que viviron xuntos, levouna do ceo á terra case simultaneamente. Cando ela se sentía feliz ao seu lado, escoitando promesas de amor eterno, ditas entre lágrimas, despois de pasar polo temor de que a deixase por calquera das “periquitas” (así lles chama ela) que o rodeaban, el erguíase de repente e sen darlle tempo a facerse á idea, anunciaba desde a porta que se tiña que ir. E marchaba.

A vida deste escritor xenial foi un constante ir e vir dun lado para outro, de avión en avión, de hotel en hotel, de piso en piso, incapaz de acougar en ningures, falando horas e horas por teléfono, desde a cociña, desde o cuarto de baño, desde o garaxe, suplicando ademais que o deixasen só, que lle permitisen durmir, que o deixasen en paz. Egoísta e irresponsable, era tamén xeneroso, desprendido, namorado da súa muller. Un desastre con corazón. Con todo, nada comparable ao que foi ela, un volcán de corenta quilos de peso, un lóstrego de enerxía, un terremoto coa alma lanzada a mil quilómetros por hora, e sen freo. O seu libro, que non intentou publicar en vida e que apareceu no fondo dun baúl, é unha homenaxe de cariño para quen tanto a fixo sufrir. E que tanto a amou.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de decembro de 2000.