La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Todos os afeccionados ao fútbol que o sábado pasado seguiron a través da televisión o partido que se retransmitiu desde Barcelona puideron ver como unha lebre penetrou de súpeto no campo e se puxo a correr dun lado para outro, primeiro polas bancadas e as pistas e máis tarde polo céspede. Cando se meteu neste último, confundida quizais polo verde da herba, iniciou unha carreira rápida e elegante, como se estivese no bosque. Duroulle o tempo xusto de bater contra os valos, onde rematou nas mans dun espectador.

A min, as lebres cáenme ben por dous motivos. En primeiro lugar porque non aceptan vivir domesticadas, ao contrario do que sucede cos coellos, que son bastante máis papóns e acomodaticios. E despois porque se trata dun animal tímido, incapaz de defenderse, sen máis armas que a rapidez prodixiosa das súas pernas.

Cando a vin na televisión, atrapada no espazo acoutado do campo de fútbol, convertida en divertimento para os miles de persoas que a estaban observando, decateime de que non tiña ningunha oportunidade, a non ser que caese nas mans propicias dalgún rapaz novo. Quixo a mala sorte que fose parar ás gadoupas seguras dun home maduro: agarrouna coa man esquerda polos pés traseiros, pechou despois o puño da dereita e zorregoulle finalmente un golpe seco na cabeza. Non se lle ocorreu outra cousa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de marzo de 1994.