La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Poñamos por caso que un policía está na comisaría, aburrido e estomballado nun sillón, co dedo no nariz á pesca da carraña, esbragolado e coa barriga a medio saír por entre o cinto e a camisa. Non é unha escena difícil de imaxinar nin entre policías nin entre xentes de calquera outro oficio, excluídos executivos e outras persoas obrigadas a manter de forma permanente a rixidez do decoro por cuestións de imaxe. Supoñamos que cando o citado policía se atopa nesta situación descalabrada, pasa un xefe ao seu lado.

¿Que sucede nese caso? Pois non sucede nada. O derreado pode seguir na súa laxa actitude, acenar se quere cunha man, rosmar polo baixo un saúdo gutural incomprensible ou simplemente comportarse como se o xefe que pasa diante del fose vento. Por suposto, no caso de que o citado individuo sexa unha persoa educada, se quere, tamén pode saudar como é debido. Queda ao seu arbitrio.

É o que se desprende dunha sentenza recente, na que se di que os policías non cometen falta por non saudar os seus xefes poñéndose de pé e empregando a frase de rigor que establecía o regulamento. Quizais deba ser así e talvez estea mellor que os policías non teñan obriga de saudar os seus superiores (pido perdón pola palabra), pero o sentido común e a sensatez, que os gregos consideraban regalo dos deuses, séntense agredidos, como se sorprendésemos a un esfarrapado correndo a couces a lóxica pola rúa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de decembro de 1992.