La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Polos diarios acabo de coñecer a morte de Enrique Aller, do que non sabía máis, desde hai xa tempo, que andaba por América, entregado a labores de cooperación humanitaria. Matouse nun accidente en Ayacucho, Perú, cidade que vai unida nas páxinas dos libros de historia á derrota do exército colonial español. O primeiro que me veu á cabeza, ao ler a novidade, foi o inmenso sorriso do vello amigo. Coñecino alá polos meus anos de estudante en Santiago, no piso da que era entón a súa moza. Daquela andabamos metidos no soño de cambiar o mundo, el cun entusiasmo contaxioso e desbordado; eu con entusiasmo parecido, pero con menos fe ca el.

Estouno vendo, co seu corpachón alto e atlético, cos seus pantalóns de pana, o seu bigote loiro, o rostro alegre, de mirada clara, e a ironía amable con que se distanciaba do ardor belixerante das nosas discusións. Aínda sen estar de acordo moitas veces, nunca nos perdemos nin o afecto nin o respecto. Xa se vía entón que non ía ter encaixe fácil na normalidade vital que nos agardaba a todos.

Cando souben que se fora a América, a traballar como cooperante, non me sorprendeu. Tiña a alma disposta para iso desde rapaz. Non resultaba fácil imaxinalo sentado no seu despacho de avogado, por máis que puxese o seu saber ao servizo das causas nobres nas que cría, que eran todas as que caben nun bo corazón. Tampouco era doado velo laborando baixo o paraugas protector de calquera siglas nin desfilando detrás dunha bandeira. Na última novela de Carlos Fuentes hai un personaxe que di que hai ilusións que se deben perder aos trinta anos; enténdese que para vivir tranquilo. Enrique pasaba dos cincuenta e conservaba as ilusións.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xuño de 1999.