La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Contaba Rafael Dieste que un día se presentou na tertulia do café Tortoni, en Buenos Aires, onde residía, un individuo que quería falar con el sobre cuestións relacionadas co idioma. O escritor galego, que era autor dun manual de ortografía pensou que se trataría de alguén que pretendía discutir algunha cuestión de tipo normativo. En realidade, o espontáneo era un home curioso e intelixente, aínda que tolo, que buscaba adeptos para unha organización ou seita de xente que se comprometía a falar só con substantivos.

Como loucura lingüística non é novidosa: libros escritos desa maneira hai varios, quizais como alarde de enxeño inútil máis que como filosofía. Desde este último punto de vista, houbo un frade italiano do século XVIII, Amadeo di Tenda, que era partidario de combater o escurantismo a base de non empregar palabras abstractas.

Aínda sen ser tolo, a proposta ten algo de atractiva. Non hai dúbida de que a linguaxe serve para referirse á realidade e para expresar sentimentos, ou sexa, para dicir casa, coche, mazá… ou pronunciar palabras rodeadas de moitos signos de admiración, como parvo, mentirán, tramposo, máis todas as que expresan indignación, abatemento, furia, alegría…; todo iso que se coce no corazón e non no cerebro. As segundas debían desterrarse da vida pública e reducilas ao ámbito privado, igual que meter os dedos no nariz, por exemplo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de marzo de 1995 .