La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Houbo unha tempada na que Luís Trabazo, un home intelixente e pintoresco, deses que fan lenda, utilizaba o masculino como xénero único, de maneira que dicía o muller, o nena, o lúa e o boca. Non sei de onde sacou aquela extravagancia nin que pretendía conseguir ou demostrar con ela, pero estou seguro de que respondía a algunha complicada teoría, probablemente disparatada, pero con fundamentos inxeniosos, non sempre gratuítos. Entre a loucura e o puramente estrafalario, Trabazo tiña moito talento.

O outro día pregunteille a un grupo de rapazas e rapaces se elas se sentían discriminadas cada vez que me dirixía ao conxunto utilizando só o xénero masculino, como mandan as normas, e unha das mociñas respondeume que se eu dicía, por exemplo, que calasen todos, pensaba que me refería exclusivamente aos rapaces.

Non me pareceu que o dixese por ser orixinal ou porque militara nalgunha organización en defensa destas cousas, senón porque o sentía así. A verdade é que non me resulta fácil compracela. Hai un profesor de Barcelona que emprega o termo “alumnes” para referirse aos alumnos e ás alumnas, ou “todes” para todos e todas. É unha solución, sen dúbida, pero bastante fea. Haberá que seguir discutindo. O malo é que, segundo saben os expertos, discutir sobre palabras é a mellor maneira de non entenderse nunca.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de marzo de 1996.