La Voz de Galicia
Hablando de riqueza, pobreza, exclusión y con quienes no quieren quedarse al borde del camino
Seleccionar página

Empoderar

Poucos verbos son tan fermosos para calquera profesional ou voluntario que traballe con colectivos en pobreza ou exclusión social. Cando as persoas ou grupos marxinados toman conciencia dos seus dereitos, capacidades e intereses e comezan a defendelos, a decidir sobre a súa vida e a participar na sociedade en igualde de condicións.

Hoxe é unha honra deixarlles con Irene Cancelas, a responsable de comunicación da Federación Galega de Dano Cerebral para que lles conte tres proxectos innovadores que tres das súas entidades membro- Sarela, Alento e Renacer-, están a levar a cabo en Santiago, Vigo e Ourense. Tres proxectos para empoderar ás persoas e para facernos a vida mellor aos que non temos Dano Cerebral Adquirido (DCA) pero que en calquera momento o poderíamos ter.

As 10 reinvindicacións para lembrar que unha vida salvada merece ser vivida, seguen vixentes.

Permítanme que lles agradeza o seu esforzo con dúas cancións que teñen moito que ver: Renegades de X Ambassadors e Polio, do grupo congoleño Staff Benda Bilili.

«Vivamos como se foramos Renegados

Sen desistir, renunciar, abandoar…»

https://www.youtube.com/watch?v=ydSapGNUmC4

Empoderando as persoas con dano cerebral adquirido

Daño Cerebral gonzalo-miraO 28 de novembro de 2015 a Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE) culminou a conmemoración do seu 20 Aniversario cun ‘Encontro polo Dano Cerebral Adquirido’ dedicado a falar sobre ‘Proxectos de vida: promoción da autonomía persoal e inclusión social das persoas con dano cerebral adquirido’. FEGADACE (a Federación Galega de Dano Cerebral) e as asociacións galegas colaboraron na organización do evento e tamén foron protagonistas do mesmo, aproveitando a mesa ‘Programas, produtos e servizos de apoio á autonomía e inclusión das persoas con DCA’ para presentar tres proxectos innovadores para o empoderamento das persoas con dano cerebral adquirido. A educadora social de Sarela (Compostela), Noelia Parente, presentou o proxecto ‘Construíndo Futuro’; o director de Alento (Vigo), Gonzalo Mira, falou sobre ‘Calidade de vida e dano cerebral, un enfoque centrado na persoa’; e o educador social de Renacer (Ourense), José Antonio Fernández, expuxo en que consiste o seu programa de ‘Voluntariado protexido para persoas con dano cerebral’.

1. Construíndo Futuro (Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela)

Discapacidad Daño Cerebral reunion

Fotos: Alento

O DCA rompe coa traxectoria de vida da persoa. Trala súa chegada, iníciase un camiño de recuperación de capacidades perdidas e de aprendizaxe doutras habilidades que son novas. A sociedade ten tamén unha tarefa de aprendizaxe por realizar, na que as persoas con dano cerebral son as mellores docentes: igualdade de oportunidades, xustiza e ben común son materias pendentes para o conxunto da cidadanía. O proxecto Construíndo Futuro pon en relación ambas necesidades de aprendizaxe no contexto da promoción da autonomía das persoas máis novas con DCA.

Sarela considera que, como axente comunitario, ten a responsabilidade de ofertar aos mozos e mozas con dano cerebral todos os apoios necesarios para facilitar a igualdade de oportunidades. De feito, o proxecto nace da propia existencia deste colectivo de persoas máis novas e cun maior grado de autonomía que a media de usuarios e usuarias da entidade.

A través de ‘Construíndo Futuro’ a asociación avalía e identifica de maneira individualizada as necesidades da persoa e proponlle alternativas ocupacionais adaptadas: apoio na busca de emprego, ofertas de voluntariado, actividades deportivas ou prácticas de vida independente (desde cociña a resolución de conflitos). Precisamente ‘Vida independente’ é unha das súas tres áreas de traballo, xunto con ‘Integración comunitaria’ e ‘Inserción sociolaboral’.
Os beneficios deste proxecto non son unidireccionais. Non se trata só de atopar emprego para unha persoa con dano cerebral. Cómpre, tamén, darlle aos centros de traballo a oportunidade de compartir o seu tempo e proxectos coas persoa con discapacidade. Que a sociedade aprenda a non establecer diferenzas, a non crear obstáculos para as persoas con discapacidade, a ser máis xusta e equitativa. Así, en común, é como se constrúe futuro segundo Sarela.

2. Calidade de vida e dano cerebral, un enfoque centrado na persoa (Alento. Asociación de Dano Cerebral de Vigo)

Discapacidad Daño Cerebral plantacionUn cambio integral e radical na totalidade do modelo de atención ao dano cerebral; este é o ambicioso proxecto no que traballa Alento partindo dunha premisa –que a calidade de vida pódese medir- e un obxectivo –mellorar a calidade de vida das persoas con DCA-.

O punto de partida do novo modelo de abordaxe centrado na calidade de vida é unha escala obxectivable de valoración da mesma. Alento, en colaboración con outras entidades e co INICO (Instituto Universitario de Integración en la Comunidad), dependente da Universidade de Salamanca, están a definir un sistema específico para as persoas con dano cerebral adquirido.

A escala de medición conta cuns 90 ítems estruturados en torno ás seguintes dimensións: benestar emocional, relacións interpersoais, benestar material, desenvolvemento persoal, benestar físico, autodeterminación, inclusión social e dereitos. En concreto, no ámbito da autodeterminación, recolle información sobre se a persoa organiza a súa propia vida, se pode decidir sobre como gasta o diñeiro ou a que hora se deita, se se teñen en conta as súas preferencias ou se escolle como pasar o tempo libre.

A información que se extrae é de moitísima utilidade, porque serve para medir a calidade de vida e tamén para establecer comparacións. Por exemplo, sobre a traxectoria dunha persoa (mellorou a súa calidade de vida desde que participa nun determinado programa?), ou poñendo en relación diferentes colectivos (teñen as persoas con DCA máis ou menos calidade de vida que a sociedade en xeral?).

A pretensión de Alento é empregar a escala como modelo de atención integral. Medindo e comparando pódense tirar conclusións sobre as necesidades da persoa con dano cerebral adquirido, e atinar mellor no establecemento da súa pauta de rehabilitación ou nos programas de inclusión que lle son máis axeitados.

3. Voluntariado protexido para persoas con dano cerebral (Renacer. Asociación de Dano Cerebral de Ourense)

Discapacidad Daño Cerebral bailePuro uso do contorno sociocomunitario, total desenvolvemento fóra da asociación, plena vida real: así é o proxecto de ‘Voluntariado protexido’ de Renacer. A asociación considera fundamental o uso dos recurso comunitarios e “fuxir” da familia para comezar o longo proceso da inclusión social dunha persoa con dano cerebral adquirido. Por iso creou este proxecto, fundamentado na realización de actividades adaptadas á idade, necesidades e capacidades da persoa, e destinado ao establecemento de redes sociais propias, independentes da familia.

Que se pon de parte da asociación? Un pequeno empurrón, todo o apoio que cada persoa precise, e unha base de traballo previo coa Universidade de Vigo (UV) para elaborar os perfís concretos de cada actividade (identificando as necesidades de voluntariado da institución para casalas co nivel de capacidades dos usuarios e usuarias de Renacer que participan no proxecto). Así, definiuse unha oferta cos seguintes perfís: Auxiliar de Biblioteca, Auxiliar Técnico Deportivo e Auxiliar de Conserxería. Todos se desenvolven no Campus de Ourense da UV.

Asociación e Universidade colaboran construíndo un apoio necesario para que a persoa poida desenvolver a súa función nunha contorna normalizada. Do seu esforzo e o respaldo asociativo depende o éxito do proxecto. Polo camiño iranse acadando os obxectivos do programa: integración, participación, acceso á comunidade e desenvolvemento persoal (prácticas de habilidades sociais, autoestima, autonomía, etc.).