La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

Entradas etiquetadas como ‘zocamiñoca’

Día do Comercio Xusto e do Consumo Responsable

Jueves, Mayo 10th, 2012

 Ver Día CJ Crece Coruña.jpg en presentación

Día: sábado 12 de maio
Hora: de 11h a 20h
Lugar: Praza de Pontevedra (A Coruña)

 

As organizacións Intermón Oxfam, Solidariedade Internacional de Galicia, Labañou Solidaria e a Cooperativa de Consumo Responsable Zocamiñoca, xunto con Fiare Banca Ética e os produtores locais Millo e Landras, a Horta do Sacho, Val de Barcia e a Cooperativa Raíña Lupa estarán presentes durante o sábado 12 de Maio, desde as 11:00 ata as 20:00 horas, na Praza de Pontevedra, para celebrar o Día Internacional do comercio xusto. Este será o primeiro ano no que se abre esta celebración a outras entidades que traballan en termos de Consumo Responsable, dentro do cal se sitúa o Comercio Xusto, amosando á cidadanía alternativas reais e en funcionamento na nosa cidade que loitan por un mundo máis xusto e máis sostible.

Como todos os anos o segundo sábado de maio celébrase o día internacional de Comercio Xusto na rúa. As ONGD da Coruña que traballan polo Comercio Xusto (Solidaridade Internacional de Galicia, Intermón Oxfam e Labañou Solidaria) únense nesta celebración a outras entidades que traballan desde a filosofía do Consumo Responsable como son Fiare representando á banca ética, Zocamiñoca representando ao consumo responsable (eco-lóxico, próximo, de relación directa coas produtoras, integrador e de fomento de hábitos máis saudábeis) e productoras locais de horta, carne, queixos e reposterías.   

Para as organizacións convocantes é moi importante dar a coñecer modelos de produción e consumo nos que se favorece a protección do medio, a equidade e a xustiza social, amosándoos como alternativas vivas, viables e factibles a día de hoxe na nosa cidade, que supoñen un cambio de modelo económico, social e ambiental. Atoparemos respostas a preguntas como quen e en que condicións se producen determinados bens, se son respectuosos coas persoas e o medio ou se os nosos aforros se invisten en iniciativas sociais que nos benefician a todos e ao planeta.

Ao longo de todo o día poñeranse á venda produtos de alimentación, cosmética, artesanía e roupa de Comercio Xusto. Este ano haberá, ademais, produtos frescos e ecolóxicos locais traídos por produtores do noso ámbito que traballan con Zocamiñoca cos que tamén haberá un espazo aberto para o diálogo e a participación. Complementarase a exposición e venda de produtos, con actividades para nenos e nenas e charlas-coloquio nos seguintes horarios:

– Que é Consumo Responsable? Falarán Zocamiñoca e os produtores de horta locais, ás 12:00 horas.

– Como funciona a Banca Ética? a cargo de Fiare, ás 13:00 horas.

– Por que Comercio Xusto? Falarán Intermón Oxfam, Solidariedade Internacional e Labañou Solidaria, ás 16:30 horas.

Máis información:
Evento Día Internacional do Comercio Xusto e Consumo Responsable en facebook
Día Internacional do Comercio Xusto e Consumo Responsable na web de Zocamiñoca

 

 Vémonos alí!!

 

II Xornadas de Consumo Consciente e Responsable

Martes, Abril 26th, 2011

Como socia de Zocamiñoca, convídovos a participar nestas xornadas onde reflexionaremos sobre o modelo actual de consumo e as súas alternativas, máis sostibles e xustas. Agardamosvos!

 

II Xornadas de Consumo Consciente e Responsable

Lugar: Casa Casares Quiroga (r/. Panadeiras, 12)

Organiza: Cooperativa de Consumo Responsable Zocamiñoca

Colabora: ATTAC Coruña

Venres 6 de maio (19.30 horas)

Vídeo fórum sobre consumo

Sábado 7 de maio (19 horas)

-Presentación ATTAC Coruña

-Cooperativa de consumo responsable Zocamiñoca: a visión dunha socia, a visión dunha produtora

-Coloquio

  “O consumo atravesa as nosas vidas, moitas veces sen percatarnos das implicacións que actos repetidos teñen sobre moi diferentes aspectos. As crises enerxética, económica, climática e alimentaria están mostrando que bastantes cousas fallan no actual sistema capitalista e que é necesario pensar e actuar de outra maneira no planeta e entre nós mesmas.

O consumo responsable, crítico, consciente e transformador é unha forma diferente de entender o consumo na que as consumidoras, en relación directa coas produtoras, asumen un papel máis activo e reflexivo no momento de satisfacer as súas necesidades, de maneira que se pon en cuestión o actual modelo de produción, transformación, promoción, distribución e consumo de ben e servizos, para comezar unha transición necesaria e ineludible cara a un consumo máis respetuoso coas persoas e o planeta. Para acadar estes obxectivos é preciso realizar un labor de información, concienciación, organización e acción que articule unha contestación viable e satisfactoria ao actual modelo socioeconómico baseado, entre outros aspectos, nunhas crecentes desigualdades sociais, no expolio dos países do Sur global e nos mecanismos de funcionamento desa forma de capitalismo que é o neoliberalismo. Deste modo, é necesario propoñer unha forma de consumir bens e servizos baixo criterios éticos, solidarios e sustentables, pensando no procomún, a través dun proceso que teña en conta que os recursos son limitados e que existen intereses de concentración de poder perxudiciais para acadar unha sociedade xusta e igualitaria.

As II Xornadas de Consumo Consciente e Responsable pretenden ser un espazo de encontro autónomo e libre, onde poder encontrarnos para falar, reflexionar e coñecer experiencias de consumo alonxadas do modelo consumista convencional. Intentaremos ofrecer unha panorámica global funcionamento do actual modelo de produción, distribución e consumo desde unha perspectiva crítica ademais de achegarnos a unha experiencia concreta de consumo responsable na Coruña, a cooperativa Zocamiñoca, cuxos principios son o consumo local, ecolóxico, de tempada, a soberanía alimentaria, o comercio xusto, etc., cunha organización participativa, amena, fluída e reivindicativa. Tamén contaremos coa presentación do grupo de ATTAC na Coruña, recentemente constituído. Agardamos por vós nas xornadas!! “

Reportaxe sobre Zocamiñoca, cooperativa de consumo responsable e consciente da Coruña

Martes, Marzo 8th, 2011

Aquí tedes unha estupenda reportaxe de Zocamiñoca, a cooperativa de consumo responsable e consciente da Coruña.

E de paso, recórdovos que imos realizar un Obradoiro de Cociña responsable na Aula de Cociña de Portomuiños, onde poderedes coñecer tódolos ricos, responsables e saudables alimentos que consumimos en Zocamiñoca.

Obradoiro de cociña responsable e consciente

Viernes, Febrero 25th, 2011
 Teño o pracer de ser unha das cociñeiras que intentará dar a coñecer Zocamiñoca, a cooperativa de consumo responsable á que pertenzo, a través deste obradoiro de cociña, así que anímovos a compartir esta experiencia con nós!

 

                            Obradoiro de cociña responsable e consciente

Lugar: Aula de Cociña de Porto Muíños (Praza Casares Quiroga, 5-6-7, Urb. A Barcala, Cambre)

Día: xoves 17 de marzo

Hora: 20:00 horas

Prezo: 5 euros (cubre os gastos de aluguer da aula de cociña e dos produtos)

Inscrición: enviar un correo a zocaminhoca@gmail.com co nome e apelidos e o asunto Obradoiro de cociña e ingresar a cantidade indicada na conta 3070-0044-55-6068693529  (Caixa Rural Galega), co concepto Obradoiro de cociña e facer constar nome e apelidos da persoa asistente.

Dende a Cooperativa de consumo consciente e responsable Zocamiñoca propoñemos un obradoiro no que, a través dunhas receitas saudables, vexetarianas, con produtos ecolóxicos, locais, de tempada e de comercio xusto, tentaremos amosar a nosa filosofía baseada nunha forma de consumir e de alimentarnos respetuosa coa nosa propia saúde e coa do medio ambiente, e que defende a xustiza social e a dignificación do rural.

Obxectivos:

  • ter unha idea de menú saudable e responsable para un día completo: almorzo, comida e cea.
  • coñecer e valorar diversos proxectos de produción responsable tanto no social como no ambiental
  • valorar tamén o noso consumo como unha forma de cambiar e transformar a sociedade