Día do Comercio Xusto e do Consumo Responsable
Jueves, mayo 10th, 2012
Día: sábado 12 de maio
Hora: de 11h a 20h
Lugar: Praza de Pontevedra (A Coruña)
As organizacións Intermón Oxfam, Solidariedade Internacional de Galicia, Labañou Solidaria e a Cooperativa de Consumo Responsable Zocamiñoca, xunto con Fiare Banca Ética e os produtores locais Millo e Landras, a Horta do Sacho, Val de Barcia e a Cooperativa Raíña Lupa estarán presentes durante o sábado 12 de Maio, desde as 11:00 ata as 20:00 horas, na Praza de Pontevedra, para celebrar o Día Internacional do comercio xusto. Este será o primeiro ano no que se abre esta celebración a outras entidades que traballan en termos de Consumo Responsable, dentro do cal se sitúa o Comercio Xusto, amosando á cidadanía alternativas reais e en funcionamento na nosa cidade que loitan por un mundo máis xusto e máis sostible.
Como todos os anos o segundo sábado de maio celébrase o día internacional de Comercio Xusto na rúa. As ONGD da Coruña que traballan polo Comercio Xusto (Solidaridade Internacional de Galicia, Intermón Oxfam e Labañou Solidaria) únense nesta celebración a outras entidades que traballan desde a filosofía do Consumo Responsable como son Fiare representando á banca ética, Zocamiñoca representando ao consumo responsable (eco-lóxico, próximo, de relación directa coas produtoras, integrador e de fomento de hábitos máis saudábeis) e productoras locais de horta, carne, queixos e reposterías.
Para as organizacións convocantes é moi importante dar a coñecer modelos de produción e consumo nos que se favorece a protección do medio, a equidade e a xustiza social, amosándoos como alternativas vivas, viables e factibles a día de hoxe na nosa cidade, que supoñen un cambio de modelo económico, social e ambiental. Atoparemos respostas a preguntas como quen e en que condicións se producen determinados bens, se son respectuosos coas persoas e o medio ou se os nosos aforros se invisten en iniciativas sociais que nos benefician a todos e ao planeta.
Ao longo de todo o día poñeranse á venda produtos de alimentación, cosmética, artesanía e roupa de Comercio Xusto. Este ano haberá, ademais, produtos frescos e ecolóxicos locais traídos por produtores do noso ámbito que traballan con Zocamiñoca cos que tamén haberá un espazo aberto para o diálogo e a participación. Complementarase a exposición e venda de produtos, con actividades para nenos e nenas e charlas-coloquio nos seguintes horarios:
- Que é Consumo Responsable? Falarán Zocamiñoca e os produtores de horta locais, ás 12:00 horas.
- Como funciona a Banca Ética? a cargo de Fiare, ás 13:00 horas.
- Por que Comercio Xusto? Falarán Intermón Oxfam, Solidariedade Internacional e Labañou Solidaria, ás 16:30 horas.
Máis información:
Evento Día Internacional do Comercio Xusto e Consumo Responsable en facebook
Día Internacional do Comercio Xusto e Consumo Responsable na web de Zocamiñoca
Vémonos alí!!



