La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

Entradas etiquetadas como ‘tópicos’

“Típicos tópicos”

domingo, octubre 19th, 2008

Típica situación en Escocia (toma 1)

Levo xa catro anos en Escocia, e neste país obsesionado pola súa climatoloxía pasei xa innumerables veces pola mesma situación. No traballo, no supermercado ou pola noite nun pub, alguén sinte curiosidade polo meu inglés con acento estranxeiro e a conversación e inevitable:

–          “Where are you from?”

–           “de Galicia”

Ante a súa cara pensativa como querendo recuperar os seus vagos recordos de Xeografía no instituto sen moito éxito, véxome obrigado a puntualizar.

–          “En España, no Noroeste da Península, costa Atlántica”.

–          “Ahhh!, Catalonia, Barcelona is a beautiful city!”

–          “No, no, Noroeste, enriba de Portugal”.

Todo isto en inglés cas miñas mans debuxando no aire a nosa fermosa Península Ibérica, sinalando esa esquina na que se atopa a terra onde nacín. Non importa cantas veces sucede ou a situación, a conversación deriva case sempre os mesmos tópicos; “¿cómo viñestes dar a Escocia?, non te desesperas, sempre a chover”; “oh!, España, encántame o teu país, a pasada primavera estiven en Tenerife, que clima”. E aí sigo eu despois de catro anos, debuxando no aire a Península Ibérica para explicarlle a todo Escocés, Inglés, Irlandés ou Galés que se poña por diante que existe algo máis, debaixo dos Pirineos non todo o que se move baila flamenco, come paellas e pasa o ano enteiro a máis de 25ºC.

Sempre me considerei un home politicamente moderado, orgulloso de ser Galego, ansioso porque a nosa terra sexa mellor atendida, pero non excesivamente molesto por estar dentro de España, ese complicado puzzle de identidades. Digamos que un, pode que pola educación que tivo, nunca se parou a pensar demasiado si poderiamos estar mellor sós antes que mal acompañados, e ademais nunca tiven que xustificar tantas veces a miña procedencia, simplemente, un é de onde é, e teno claro, a non ser que a forza de ter que explicalo continuamente, un ata empece a dubidar. Pero dende que cheguei aquí, digamos que me din claramente conta de que ningún dos “típicos tópicos” cos que me relacionan e interrogan automaticamente, ten que ver nin de lonxe con quen son ou co que sinto.

Volto mentalmente a miña infancia e adolescencia en Riveira, os meus días na Universidade en Santiago e non atopo nin un só recordo que me faga sentir partícipe do que eles interpretan por España. Non é que me volvera máis galeguista do que xa era, máis nacionalista ou independentista, segue sen molestarme demasiado España, simplemente eu non son o que eles pensan que son pero agora entendo claramente o difícil que “explicar” España e aínda que pode que aí resida parte da súa beleza, eu estoume empezando a cuestionar algunha cousa.

  Típica situación en Galicia (toma 2) 

Estou de vacacións, volto a Riveira, vou paseando pola calle ou entro nun bar, e un deses semicoñecidos que nas cidades pequenas saben toda a túa vida párame e pregúntame.

–          Eh! ¿que tal? ¿como vai todo por Inglaterra?

E eu inocente como se non me decatara de en que país estou respondo.

–          Non, eu estou en Escocia, non en Inglaterra, pero ben, moi ben.

–          Xa, é o mesmo, Escocia, Inglaterra, xa empezamos cos nacionalismos.

–          Pois eso, como ti queiras, que vai ben.

–          ¿E que tal son? ¿raros non?, así, non moi abertos, ¿e sales de marcha alí?, ou de casa para o traballo como en todos estes países, e que como en España non se vive en ningún lado, botaralo de menos.

Non sei que me enfada máis, a absoluta demostración de ignorancia, botando por terra a milenaria e rica historia desta terra chamada Escocia, ou a obsesión española por pensar que os habitantes destas illas non falan, morden, non lles gusta beber e comer, cantar e bailar e traballan vintecatro horas o día.

Ou pode que en realidade o que máis me entristece sexa sinxelamente como de contado estereotipamos un país enteiro en base a unha idea equivocada. Os alemáns son eficientes, os españois paran o país enteiro para durmi-la siesta, os franceses arrogantes, os británicos hipócritas e reservados.

Eu vivo en Escocia onde me tratan mellor do que me trataron moitas veces no meu propio país; traballo para unha empresa americana que me respecta e me coida; colaboramos cunha alemana chea de ineficientes os que lle hai que dicir onde teñen os pés e onde a cabeza; non sei bailar flamenco (nin quero); non soporto os toros; cando vou a casa de vacacións de Nadal chove máis que en Glasgow; salo de festa en Escocia cando me peta; e os meus amigos ingleses, escoceses, irlandeses e galeses son sociables, simpáticos e saben disfruta-la vida como calqueira.

Tódalas nacións modernas son artificiais, invencións, construccións sociais, inventadas por seres humanos para satisfacer as súas necesidades, e é esto o que as fai interesantes e útiles. Cando estereotipamos, xeralizamos e globalizamos todo ata que a identidade dos pequenos máis débiles se dilúe dentro do océano do grande e poderoso, sexa España ou Inglaterra (que a xente utiliza continuamente como Reino Unido), pode pasar que incluso os que non estabamos incómodos dentro desa invención, empecemos a pensalo dúas veces.

Polo de pronto o que me queda é seguir poñendo Galicia e Escocia no mapa e tomar prestadas estás dúas frases de…………….

  James Kelman 

My culture and my language have the right to exist, and no one has the authority to dismiss that.
Speech accepting the Booker Prize (11 Oct 1994)

I come from a country called Scotland. I don’t need to ask for my independence.
Quoted in The Independent (8 Oct 1994)