La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

Entradas etiquetadas como ‘suiza’

Emigrantes de vacacións

domingo, agosto 10th, 2008

Estamos acostumados a ver aos emigrantes chegar ás nosas aldeas no verán. Veñen en coches alemáns, franceses, suizos… de todas partes. Tamén veñen esoutros máis velliños e aínda con máis morriña (con menos frecuencia), falando con un acento porteño ou venezolano que aínda está mesturado co galego. Son emigrantes que pasan as vacacións en Galicia, nas aldeas, nas casas familiares. E moitos que quedan alá, especialmente no otro lado do Atlántico porque non conseguen xuntar os cartos para o billete. 

No tempo dos meus pais, o da emigración a Europa, os galegos aforraban todo o que podían durante todo o ano para logo voltar a casa, dar algo para a familia, gardar algo para comprar unha casiña en Galicia algún día e pasar un mes o máis folgadamente posible na aldea. Preferiblemente, escollíase un período no que coincidisen as festas da parroquia propia e as veciñas, botar uns bailes cas mozas do lugar e uns viños cos amigos de sempre.

Así era antes. Os novos emigrantes (os que estudamos en Galicia e saímos por motivos profesionais) somos algo diferentes, é outra xeración con outra visión do mundo, pero tamén voltamos á casa no verán, visitamos os amigos e todo iso… Moitos destes novos emigrantes estamos fóra non por necesidade nin obriga, máis ben facer o que non podemos facer nos noso país, e tamén por viaxar, coñecer outros lugares e culturas… e ver mundo. Isto leva consigo un cambio nos hábitos vacacionais. Os novos emigrantes non gastan todos os seu días no seu lar, tamén gardan uns días ou semanas (depende das posibilidades de cada un) para viaxar un pouco máis, coñecer mellor o país de acollida ou otros máis lonxe. Eu, polo menos, aproveitei todo o que puiden.Esta reflexión vén a conto dunha viaxe que están facendo os meus pais por Suíza xunto a outros catro ex-emigrantes da nosa familia. O que non puideron facer nos seus anos de traballadores en Suíza si o poden facer agora: pasear, cear nun restaurante, durmir nun hotel, alugar un coche para viaxar de cidade en cidade sen perder detalle… Son luxos que poucos galegos se podían permitir naqueles anos 60-70 de moito traballo para aforrar uns francos.Polo menos, agora xa poden sacarse a espiña de non coñecer ben un país no que viviron tantos anos. E seguro que moitos emigrantes da sua xeración están na mesma situación.