La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

Entradas etiquetadas como ‘ritual’

Ao redor do primeiro de maio checo

sábado, mayo 3rd, 2008

Grabstejn non é o Bezdez. O castelo, erguido en gótico tardío, logo retocado renacentista e aínda arranxado barroco, non foi aínda elevado a categoría literaria, como o seu homólogo na planicie central bohemia… “Era maio, primeiro de maio, mes do amor…”. Así comeza un dos poemas da literatura checa elevado á talla de monumental, e por todos coñecido, como para os galegos sería “Adiós ríos…” de Rosalía. É un poema de Karel Hynek Macha, o máis grande dos románticos checos, que lles canta ao amor e á morte. Aínda que o poema comeza así, iso acaba moi mal. Macha retirábase a inspirarse aos muros brancos espidos do castelo de Bezdez –con enormes panorámicas sobre a chaira-, ao pé do que repousa o lago que anos máis tarde había recibir o seu nome, o lago Machovo. Os lidos tamén din que se insparaba en canta moza andaba fodendo polas aldeas á volta do castelo… 

Grabstejn non ten lago nen poeta que o louve. Nen sequera río. Está erguido nunha pena que bordea un regato, no medio de bosques de faias, e unha pequena viciñanza ao pé, pero a súa altura non é imponente, á beira da estrada, camiño da Alemaña, a escasos cinco quilómetros da fronteira. Pero Grabstejn consérvase moi ben, ao contrario do Bezdez, aínda que o estado ruinoso deste dalle un ar místico incomparable. O Bezdez está a uns 60 quilómetros a norte de Praga e Grabstejn está enclavado nos Sudetes, marcando fronteira coa antiga Lusacia, actualmente o ponto de encontro de Chequia, Polonia e Alemaña.  

En Grabstejn estiven o mércores á noite asistindo á versión festiva da queima das bruxas. Porque o castelo é o ponto escollido por una cooperativa cultural para celebrar as súas actividades ao longo do ano, todo envolto nun ar hippy, pero moi familiar. Estaban os de sempre, algún poeta, músicos e teatreiros afecionados, contacontos… boa xente que anima a vida cultural de Liberec. Para o caso, nós chegamos tarde, para a música. Como manda a tradición, alá onde estiveres fai o que vires, espetamos un chourizo na ponta dun pau, con cadanseu anaco de pan e unha Svijany, a mellor cervexa da rexión, e puxémonos a parolar, porque como xa dixen noutra ocasión, o baile non é a miña arte predilecta. Aínda que ao corpo si que lle daban brío as mozas vestidas de meigas! 

E, para a ocasión, a miña amiga Lenka gardábame para esta noite unha sorpresa, ou mellor dito dúas, que foron as visitas de Raquel, una barcelonesa, e de Miguel, un chileno. O Miguel anda metido nun fregado coma min, é dicir, que a súa vida sentimental cruza pola Chequia. Pola contra, el está só de visita, é a primeira vez que vén á Europa. Da Raquel, non digo nada, porque á Raquel xa a coñezo, e esta cando ten oportunidade escapa da súa Zaragoza laboral e dá unha volta pola Centroeuropa. Pero co Miguel, a grolos de cervexa, fomos debullando as xeografías española e chilena, de Santiago a Santiago.  

Para o caso, eu do que quería falar era da tradición checa ao redor do 1 de maio. Agora, que por estas latitudes do ex-telón de aceiro están enterrados a fouce e o martelo, o que queda no pobo é a doce pachorra dun día de vagar, ou aínda máis: longa ponte para moitos. A bandeira vermella ocupáronse de apistolala ben os músicos afecionados, roibos de cervexa, de enmerdala coas súas letras, unha especie de conflagración da que todo o pobo participaría, lembrando, ou esquecendo, os corenta anos de dictadura, con 19 anos de por medio daqueloutras manifestacións coloradas, en obrigado desfile polas rúas. 

A festa primaveral na Chequia, que para facerse unha idea equivale ao noso San Xoán, desenvólvese entre a noite do 30 de abril e o primeiro de maio. O ritual práctico, máis urbano, máis cómodo, é saír á terraza ou ó xardín e afumar chourizos, beber, parolar, cantar… ao redor dun lumiño. O primeiro de maio pola mañá os homes teñen que levar ás mulleres ata debaixo dunha árbore floreada -debería ser cereixeira- para beixala, símbolo de perpetuación do amor para o novo ano natural que comeza. Este é o ritual que mantén a maior parte dos checos. Hai que dicir con todo isto que estamos na quincena de maior floración en Chequia. Para desgracia dos alérxicos, nos últimos quince días rebentaron en flor todas as prantas e árbores, nun fenómeno louco e rapidísímo, para que vexades como é longo nestas latitudes o inverno.   

Cando nos metemos nas aldeas -eu dígoo ao revés, non saír á aldea, senón meterse nela, participar dos seus costumes- atopámonos cun novelo de tradicións que é preciso explicar. O máis estendido é a procesión de farolillos, tradicións que se organizan sobre todo para os pequenos. Alá polo serán cadaquén leva unha candea acesa, camiñando ata a parte máis alta da aldea ou da vila, ou unha encrucillada, onde se prende a fogueira monumental, para exorcizar todas as meigas, saltar… O que lamento é que non hai un ritual especial ao redor diso, como algún esconxuro, ou polo menos non coñezo. É costume engadir á queima algún espantallo dunha meiga ou algunhas vasoiras. 

Hai que explicar que isto é un ritual da mitoloxía céltica ou xermánica –valpurgisnacht, que lle din os alemáns-  para a consagración da primavera e da vida sobre as forzas do mal. A mitoloxía conta que as meigas saían esta noite para zugar os poderes da terra e podían facer moito dano, por iso era costume pingar a casa e os animais con auga bendita. Outros ingredientes exorcizantes son os felgos e as pizarras -para levar consigo ou situar nalgunhas partes estratéxicas da casa.  

Outro ritual visible é o das árbores adornadas. Viaxar estes días pola República Checa é atopar en cada praza principal unha árbore espetada, a ser posible de tronco recto e espido, só con pólas na punta, precisamente para colgar dela cintas, panos, ramos, botellas… Cóntase que noutra época formaba parte do ritual de namoramento, pois os mozos prantaban na noite do 30 para o 1 de maio unha árbore no xardín da casa da amada. Cando se deu en institucionalizar, pasou a ser erguido diante da casa do concello, ou da casa principal da aldea, os concellos non só competían entre si por ver quen erguía a árbore máis linda, senón que tamén se armaba unha garda a turnos, para que ninguén doutro concello viñese roubala ou tirala, pois era tomado como unha cuestión de honra. O dereito a derrubar a árbore reservábase para os mozos máis xeitosos da aldea. 

Con todo e isto, e retomando a Macha, o poeta, e a costume cada vez máis á moda de ceremoniar as bodas nos castelos, non me deixa de sorprender a crenza checa sobre o casamento. Entre os checos resulta case unha sobervia contraer nupcias neste mes pois, se maio é o mes do amor, é como provocar a mala sorte. Hai que agardar a xuño.