La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

Entradas etiquetadas como ‘Páscoa’

Luns de Páscoa

jueves, marzo 27th, 2008

Foi un luns de Páscoa frío. O que, por estas latitudes, aínda se deixa entender. Pero a xente queda coa boca aberta, porque os signos da natureza andan desorientados. Hai xa unhas semanas que comezaran a abruñar nos xardíns as campaíñas brancas, que saen coas últimas neves e que anuncian a fin do inverno. E por se aínda non fose pouco, ao pé das campaíñas empezaron a sair as lilas. Do que queda de primavera xa non me lembro porque encima diso caeu a neve e queimou todo. Para a semana dise que vai subir o termómetro ata onde lle corresponde nesta época. Déixome sorprender.

O luns de Páscoa, á parte de ser un festivo agradecido por todos para o “dolce fare niente” ou para prolongar a estadía no monte para esquiar, é na República Checa unha data para a folía, desde hai séculos, ou cando menos unha alegría para os nenos, a xente do campo en xeral, e máis particularmente na Moravia. Explicarlles aos checos a nosa forma de celebrar a semana santa, paseando santos polas rúas, é deixalos arrepiados, á vista dos capuchóns, pois todo o máis próximo que coñecen é a indumentaria do Ku-Klux-Klan.

Unha vez salvada a explicación das nosas costumes para eles, convírtome desta volta no traductor para os galegos do ritual pagán de celebración da primavera, que é a explosión florida do luns Páscoa.