La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

Entradas etiquetadas como ‘luns de Páscoa’

Luns de Páscoa (enteiro)

sábado, marzo 29th, 2008

Foi un luns de Páscoa frío. O que, por estas latitudes, aínda se deixa entender. Pero a xente queda coa boca aberta, porque os signos da natureza andan desorientados. Hai xa unhas semanas que comezaran a abruñar nos xardíns as campaíñas brancas, que saen coas últimas neves e que anuncian a fin do inverno. E por se aínda non fose pouco, ao pé das campaíñas empezaron a sair as lilas. Do que queda de primavera xa non me lembro porque encima diso caeu a neve e queimou todo. Para a semana dise que vai subir o termómetro ata onde lle corresponde nesta época. Déixome sorprender.

O luns de Páscoa, á parte de ser un festivo agradecido por todos para o “dolce fare niente” ou para prolongar a estadía no monte para esquiar, é na República Checa unha data para a folía, desde hai séculos, ou cando menos unha alegría para os nenos, a xente do campo en xeral, e máis particularmente na Moravia. Explicarlles aos checos a nosa forma de celebrar a semana santa, paseando santos polas rúas, é deixalos arrepiados, á vista dos capuchóns, pois todo o máis próximo que coñecen é a indumentaria do Ku-Klux-Klan.

Unha vez salvada a explicación das nosas costumes para os bohemios, convírtome desta volta no traductor para os galegos do ritual pagán de celebración da primavera, que é a explosión florida da Páscoa checa.

Erguinme nugallán, como corresponde á desgana do fin de semana prolongado. De estar aquí, a miña compañeira teríame berrado por ter estraviado ou non ter comprado unha vara nova. Como para un gaiteiro perder o instrumento! Porque escusa non teño, pois nos días próximos á Páscoa véndense por calquera esquina… e especialmente na feiriña que se instala cada ano na praza diante da casa do concello, onde ademáis de escorrentar o frío con licor de mel, un pode facerse con toda caste de ovos de toda cor, fitas, coelliños, pitiños en innúmera representación, artesanal e industrial. Todos os que aprobeitaron algunha vez a ponte para voar á centroeuropa, tiveron a oportunidade de contemplar este espectáculo, masificado para turistas, na praza da cidade vella de Praga, perto do reloxo. A Páscoa checa respira primavera, vida nova. Pero como estou so agora e non teño quen me critique esta deserción á cultura checa –noutras circunstancias sería imperdoable-, contenteime con mollar no café o carneiro pascual de chocolate, de pasas e noces tronzadas. É tan bonitiño que da pena papalo. Xa pola fiestra vin desfile de pequenos, e barbados, pola rúa, cun cesto medio cheo na man e unha vara na outra.

(más…)