La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

Entradas etiquetadas como ‘galego’

An Gaeltacht

domingo, abril 27th, 2008

Este palabro que titula o post identifica as rexións irlandesas nas que o idioma maioritario é o gaélico irlandés. Estas rexións están situadas nas beiras máis isoladas e lonxanas da costa oeste irlandesa, onde os sinais de tráfico están en gaélico, a educación é totalmente en gaélico e mesmo os novos veciños teñen a obriga de saber gaélico e demostrar o seu coñecemento mediante un exame cando compran a casa.

Ata aquí, a teoría. Na práctica, a desidia dos políticos e do ministerio encargado de velar polos intereses do Gaeltacht e a conservación da lingua, xunto coa presencia asoballante do inglés en tódolos eidos da cultura e a sociedade irladesa foron menguando as áreas gaélico-falantes ata o punto de que hoxe xa só o falan de xeito natural uns cantos milleiros de persoas, moitas delas de avanzada idade, nos currunchos máis recónditos dos condados de Donegal, Mayo, Galway e Kerry.

Non foi sempre así. O gaélico foi a lingua da illa de Irlanda durante moitos séculos, ata que a longa colonización da illa por parte dos ingleses comezou a ter efecto na lingua irlandesa. A partir do XVIII, o gaélico pasou a ser a lingua da aldea, dos incultos, dos pobriños que non sabían falar otra cousa e o inglés impúxose como lingua da cultura e do comercio. Tivo unha grande influencia neste contexto a incorporación masiva de colonos británicos, que ocuparon as terras dos irlandeses, que estaban obrigados a morrer, someterse, ou emigrar. A situación da lingua empiorou co paso do tempo, e a independencia pouco valeu. O dano xa estaba feito e a lingua do país xa estaba ferida de morte.

É certo que existen unha emisora de radio e unha canle de televisión en gaélico que emiten en todo o país, pero fican diluidas no mar de medios de comunicación irlandeses e británicos que só se expresan en inglés. É certo que o ensino do gaélico é obrigatorio na República durante os doce anos que dura a educación primaria e secundaria, pero os rapaces falan inglés cando saen da clase, falan inglés na casa, namoran en inglés… Tamén é certo que o gaélico tamén é co-oficial na Unión Europea, os sinais de tráfico son bilingües fora do Gaeltacht, as matrículas dos coches son bilingües, todos os documentos oficiais son bilingües… pero todo iso forma parte dun universo virtual, o do bilingüismo, que non existe no universo real.

No universo real, na Irlanda do Celtic Tiger, é difícil escoitar gaélico na rúa, mesmo viaxando polo Connemara. Os políticos falan inglés, tamén os máis nacionalistas, os nomes e apelidos irlandeses están deturpados para adptalos á fonética inglesa, os curas din misa en inglés e mesmo o hino nacional ten versión inglesa… para que se entenda.

Non existe no mundo un país no que convivan armoniosamente, como lles gusta dicir a algúns, dous idiomas no mesmo territorio. Se cadra un por cada pedazo do territorio, como en Bélxica e Suiza. Sempre acaba por impoñerse un, o que ten máis forza, o que falan os novos, o que falan os famosos na televisión, o que está escrito nos xornais, o que mola

Isto o estamos vendo na nosa propia casa, non temos que ir lonxe. Se isto acontece en Irlanda, país independente e dono da súa política lingüística dende 1922, que futuro nos agarda en Galicia? Que futuro queremos para nós e para o galego? Teremos un Gaeltacht de aquí a pouco na Costa da Morte e nas montañas de Lugo e Ourense? Por desgracia para o galego, iso vai depender dos galegos.