La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

Entradas etiquetadas como ‘chechos’

A Galicia inconcebible

sábado, abril 5th, 2008

Onte foi un deses seráns onde se confirma que o rictus severo non é a calificación que máis lle acae aos checos, lonxe da impresión que lle queda ao turista ocasional en Praga. Os checos son xente de farra, como calquera outro pobo, se ben á súa maneira e á súa hora… A isto último, que mo perdoen, aínda non acabo de pillarlle o tranganillo. Unha cea de profesores que comeza ás catro da tarde, cando nesta época do ano quedan aínda tres horas e media de luz por diante… Pois, que se lle vai facer, o ritual é así. Botei de menos o xantar do curso pasado do noso ex-centro de secundaria, no outono, nunha taberna de aldea… con soliño, pero frío frío alá pola tardiña do mes de San Martiño. Teñen unha grande eiva os lacazáns dos carniceiros aquí, pois o pobo non sabe a que sabe, a non ser que un críe o ranchiño no cortello da casa, así que para min, nin orella nin rabo, ¡que canallada! Pero como xa dixen doutra volta, o da comida mellor deixámolo para outro capítulo. 

Volvendo ao conto. Comemos, bebemos –„más comiéramos si hubiera qué…“, como me aprendeu Carme, da Guarda-, eu botar non lle botei mais que dúas pezas, porque bailador non son, niso non saín aos Peilaos. Nisto do baile máis ben „me gusta menear…“, como canta Manu Chao, así que para min non foron mais que dez minutos apoteósicos, e aí coincidiu que Stepanka, a xefa de linguas, subiu ao cenario botarlles unha mao á parella que amenizaba, cunha caixa de ritmos facendo chimpún-chimpún, e púxose a cantar „I will survive“… e Jana pillou a Jirka polos pións desde atrás –aaaai!… a Jana ha de ter uns corenta, e o Jirka, de educación física, que non baixa dos cincuenta, é todo un personaxe, pequeneiro, con calva monacal, mostacho e os dentes coma Ronaldo, pero máis único que o whisky Dyc. E os checos pulando todo ao redor deles. Para que despois me digan que os checos son secos! 

(más…)