La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

Entradas etiquetadas como ‘bardo’

O primeiro emigrante galego

sábado, marzo 29th, 2008

Non sei se Amergin foi o primeiro emigrante galego, mais este bardo-guerreiro celta, orixinario do lugar que logo os romanos chamaron Brigantium saiu da sua terra hai moitos anos, tantos que os monxes irlandeses que escribiron a súa historia perderon a conta, aínda que algúns sitúan a sua chegada a Irlanda no 1530 a.C.

Amergin era bisneto de Breogán e un dos oito fillos de Míl, os chamados Milesios, que segundo a tradición recollida polo Libro das Invasións de Irlanda (Leabhar Gabhála, isto non se pode tomar como fonte histórica!), foron os primeiros celtas en chegar á illa. Despois de guerrear cos antigos poboadores, e dun combate naval con cantos de druidas e tormentas máxicas incluídos no que Amergin demostrou os seus poderes, os Milesios conseguiron conquistar Irlanda, entrando primeiro por Kerry e despois polo estuario do río Boyne, na actual Drogheda.

O noso Amergin era un bardo, o poeta do grupo, mais tamén era un guerreiro e o xuíz escollido para decidir os destino dos perdedores e mesmo as leis que debían seguir os seus paisanos. A tradición tamén sitúa a súa tumba nun lugar chamado Millmount, en Drogheda, e moi pertiño de Tara, centro do poder na antiga Irlanda.

Todo isto vén a conta dun ruxe-ruxe que anda percorrendo a illa nos últimos días. Trátase das obras no novo porto da puxante Drogheda, que acaban de ser interrompidas debido á riqueza arqueolóxica do lugar. Políticos e patrociadores do novo porto do estuario do Boyne se excusaron pola demora nas obras dicindo que encontraran os restos do que podería ter sido o primeiro asentamento permanente en Irlanda de Armegin e os seus irmáns, os bisnetos de Breogán.

Finalmente, parece que esas historias de lendas e seres mitolóxicos que recopilaron aqueles monxes medievais no Libro das Invasións de Irlanda non eran todo lerias, ou si?