La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

Entradas etiquetadas como ‘analfabetismo’

Pelé a golpe de pistola

miércoles, junio 25th, 2008

Quixera continuar o rego do tema aberto sobre a violencia en América Latina, a partir do artigo publicado no blog por Francisco Álvarez desde Venezuela. Levo tres semanas residindo en São Paulo, que con 19 millóns de habitantes, é unha das maiores metrópoles do planeta. Aliás considerada unha das cidades máis violentas. Non son a persoa máis indicada, nin teño aínda vivencia nin datos suficientes como para poder ofrecer estimacións. Pero para esta comunidade blogueira podería escribir algunhas pequenas observacións a partir da curta experiencia no Brasil.

Un informe da ONU de 2007 sostén que a taxa de homicidios medrou no mundo un 30% no período 1980-2000. No mesmo indícase que en Brasil máis de 100 persoas morren de forma violenta cada día. Mentres que na Europa o índice de homicidios foi de 8 por cada 100.000 habitantes, a media do Brasil foi de 30 e na metrópole Rio de 45. São Paulo atinxiu un índice de 19 homicidios por cada 100.000 habitantes, mentres que en Caracas foi de 107. O xornal O Estado de São Paulo ofreceu esta información sobre o titular «SP rexistra o 1% dos homicidios do mundo». Entre outras informacións, verquíanse os seguintes datos: dúas de cada tres persoas mortas de forma violenta non cumpriron aínda os 25 anos, Brasil gasta 49 billóns de dólares en seguridade, o 11% do seu PIB, fronte ao 12% de Venezuela ou México. Ollo aí, os datos de Brasil hai que entendelos dentro do seu contexto, sen esquecer que falamos dunha poboación de 190 millóns de habitantes, São Paulo, 19 e Rio 11 millóns.

Un europeo que aterra en América Latina vén advertido. En cuestión de seguridade isto é diferente. As impresións desde que cheguei ao aeroporto de Guarulhos son as de unha cidade viva, densamente poboada, movimentada, estresada… A presencia de medidas de seguridade é impresionante. Por toda a parte onde se move xente se ven patrullas da policía. São Paulo é un desfile de furgóns blindados de transporte de diñeiro e de vehículos que advirten que seguen unha ruta monitorizada por radar. A porcentaxe de coches que circulan cos vidros tintados é moi superior á europea, os talleres anuncian reparacións de chapa blindada… 6 millóns de vehículos atascan cada día esta cidade onde dificilmente un taxista sabe chegar so a un domicilio particular, as indicacións sobre o enderezo fanse por bairros, avenidas, rúas importantes ou puntos coñecidos… Aínda así esta desorientación paga a pena botar unha parrafada co taxista.

(más…)