Eleccións desde Xapón. Orientarse ou non Orientarse.
Miércoles, febrero 18th, 2009Non sei porque pero até este ano sempre vira as eleccións como un punto de inflexión, unha meta no camiño, algo que podería cambiar a miña vida desde o ponto de vista NEGATIVO.
Agora, desde o politicamente ignorante e pacífico Xapón vexo as cousas un pouco diferentes, o negativo convertiuse en positivo e vexo as nosas eleccións como unha festa na que a cidadanía por meio do voto amosamos as nosas preferencias de maneira clara e contundente, algo do que non poden falar outros moitos paises chamados “democráticos”. Por exemplo, no país no que eu vivo agora, só existiu un partido durante os 53 anos de democracia que “disfrutaron” despois da Guerra. Unicamente durante o período entre 1993 e 1996 houbo unha fase na que o Partido Liberal Democrático deixou paso á oposicíon. E non só iso, os dous grandes partidos que existen poderíase dicir que en grande medida comparten a mesma idea polo que non estraña que a política deste país non resulte de interés para unha sociedade tan pasiva como a xaponesa.
A política nipona é unha política de apariencias, á que eu chamaría “vazquista”. O político de turno (normalmente pertencente a unha familia de políticos, sempre continuador da saga e cunha capacidade económica para nada parecida á meia da sociedade) sae a rúa (cousa que non volverá a facer en 4 anos) para soltar un “speech” falto de política pero cheo de lemas lisonxeiros, críticas e proposicións para o futuro. É normal ver pasar os coches oficiais e unha man cunha luva branca asomando pola xanela e saudando a todos os paisanos. Outras veces, subense ao teito da furgoneta coas mans (sempre coas luvas brancas, como dicindo “eu son puro e limpo”) inzadas de micros e falando cousas nada profundas e consignas lixeiras pero pegadizas. Ata aquí todo sería máis ou menos igual que na nosa terra, mais a diferencia é que nestas illas, o pasotismo político elévase a niveis incríbeis nos que unha porcentaxe moi alta de xaponeses non sabe mesmamente o nome do seu Primeiro Ministro (e iso que practicamente só hai un partido!) e no que a xuventude apenas transmite a súa opinión obviando o seu necesario voto (alta porcentaxe de abstencións).
Doume conta da seriedade do noso país, como aproveitamos os escasos 33 anos de democracia para sentir as eleccións como unha “posibilidade”, con non só 2 partidos, como en USA ou Xapón, senón con 3, 4 ou mesmo máis agrupacións que poden cambiar o rumbo da nosa sociedade. Para ben ou para mal, non foi o mesmo o governo do PP que o do bipartito PSOE-BNG. As diferencias no tipo de democracia coa que traballan hainas, só temos que buscalas.
Nestas eleccións galegas estamos a ver como a xente involucrase, continuas e ridículas manifestacións e contramanifestacións que nos axudan a ter información, a facernos unha idea de quén son os ridículos, de qué opinión temos, de quén somos (é moi interesante como na rede de internet, nos blogs, nos facebooks, nos hi5, etc. existen cantidade de opinións -serias ou non, mais opinións que é o que conta- sobre o que está a acontecer políticamente no país) É o povo o que sae a rúa, somos as persoas, levadas ou non por un partido, mais ao fin e ao cabo, as persoas, as que protestamos e intentamos cambiar a idea do electorado coas nosas opinións e manifestacións públicas. Non deixamos o traballo da democracia só para os políticos, queremos nós tamén amosar que algo de forza tamén temos (imposíbel olvidar o batacazo do PP tras as manifestacións hai uns anos polo triste atentado do 11M).
Agora doume conta do importante que son estas -para moitos inúteis- manifestacións e opinións á hora de sentir o que é a democracia. Calquer tipo de discusión pacífica será sempre benvida (non por casualidade venme á cabeza o caso do “bilinguismo” ou tamén o escrito do redactor e director deste xornal La Voz de Galicia) pois serviranos para ter información, cotexala, ver se nos queren enganar e escoller entre as 3 diferentes grandes ideas que atopamos nos 3 partidos maioritarios que hai no noso país. Agora, tras toda a información, só queda escoller. Ánimo.








