La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

Entradas para la categoría ‘Escocia’

“Ese oscuro objeto de deseo”

sábado, febrero 21st, 2009

Sí, refírome o voto emigrante, ese do que case ninguén fala pero todos queren, todos protestan polo seu funcionamento pero ninguén fai nada para arranxalo.

Estes días o blog móvese bastante e por suposto o tema principal non podía ser outro, as Eleccións Autonómicas. Non me gustaría meterme demasiado en loar ou criticar a uns ou a outros, ou en tódalas polémicas e trapos sucios que se están a sacar para perxudica-lo contrario. Por desgracia, as campañas electorais rematan sempre sendo máis unha loita barrio baixeira en lugar dunha loita de ideas. O tema que me está de verdade a interesar e polo que vexo tamén a outros “blogueiros” e “foreiros” é o do voto emigrante. Tampouco me quero meter a criticar o caos e desorganización que case que sempre o protagoniza, senón máis ben a cuestión filosófico – política de si deberiamos votar os Galegos do exterior.

Hai unha tendencia a relacionar a xuventude actual con apatía, non só pola política senón por todo tipo de movementos sociais que requiran pensar, mobilizarse ou protestar. Somos as veces considerados como unha xeración de desinteresados, incluso malcriados, nós non vivimos unha dictadura e parece que todo nos foi máis sinxelo. Non podo estar máis en desacordo, coñezo e detecto moito interese na xente xoven por involucrarse, ou polo menos interesarse polo que acontece no país. Non recordo moi ben cales foron as primeiras eleccións nas que puiden votar, penso que foi no 1997, pero recordo moi ben a ilusión que me fixo, considereino case un deber, se queres protestar e esixir, tes que participar, pensaba eu, e prometinme a min mesmo que eu votaría sempre, sen escusarme no clima, na resaca do día anterior (¡e daquela éranche boas!) ou na desilusión que cando pasan os anos e as sucesivas eleccións un vai acumulando porque todos prometen pero poucos cumpren. O que non sabía eu no 1997 cando comezaba na Universidade era que esa escusa podería ser o vivir noutro país.

Deixei Galicia no 2004 para virme para Escocia, e nas primeiras eleccións que me colleron fóra, fixen todo o posible para poder votar, no 2005, as históricas autonómicas nas que Fraga perdeu o poder, ¡como non iba a eu a colaborar!. Só levaba 9 meses en Escocia, isto parecía máis unha aventura que unha decisión a longo prazo. Cinco anos despois e aquí sigo, feliz no meu traballo e instalado, comprando a primeira vivenda e coche da miña vida despois de estar sempre de prestado na terra dos meus antergos. Non se pode negar que se vai perdendo un pouco o contacto, os correos e chamadas ca familia e amigos vanse espaciando, e non tódolos días pode un sentarse tranquilo e conectarse a Internet para ver que se coce por alá. Cousas que antes considerabas unha estrañeza como conducir pola esquerda, beber unha pinta de cervexa negra ou que berren tanto cando hai un corner no fútbol coma se marcaran un gol, son normais. Fas os teus amigos, empezas a paga-los teus impostos, pides unha hipoteca e berras en Inglés – Escocés por teléfono cos do gas porque non che viñeron a arranxar a caldeira. Vives entre dous mundos, co teu traballo e vida aquí, e aproveitando ata o último día de vacacións para visitar Riveira. Os de alí estráñanse polo de aquí, os de aquí preguntan polo de alí. “¿E que fas en Escocia co bonito e o bo clima que tedes en España?, e “¿cando pensas volver?, ¿non quedarás alí toda a vida?”. Un síntese un pouco apátrida, feliz e agradecido a este país pero sempre cun ollo en Galicia. Ata que un día recibes unha carta da oficina do censo electoral comunicándoche que podes votar nas próximas eleccións ó Parlamento Escocés e o Concello de Stirling. Unha vez máis fíxome a ilusión de 1997, coma se tivera outra vez 19 anos, vou decidi-lo futuro de Escocia, ¿e por que non?. Pero eu é que non podo facer nada sen darlle moitas voltas á cabeza así que empezo a sentir vértigo, ¿quen son eu para votar aquí? Nin máis nin menos que nas eleccións nas que un partido que pode gañar e que en condicións normais, por ideoloxía, eu votaría, pretende convocar un referendo pola ruptura do Tratado de Unión que en 1707 uniu a Escocia con Inglaterra. Demasiada responsabilidade pensei eu. Despois de moita falar e filosofar con amigos Escoceses e Ingleses, case que pedíndolle permiso, decidín votar, eu tamén teño dereito a decidir.

Estamos no 2009 e atopámonos cas mesmas discusións neste tema que fai catro anos. Xente que opina que non deberiamos votar, que xa non vivimos aí, nin pagamos impostos, só os residentes deberían escoller os políticos que terán que aturar. Outros pensan que a condición de emigrante, aínda que sexa permanente, non che ten porque facer perder os teus dereitos de cidadán galego, si, pero ¿que pasa cos galegos noutras comunidades españolas?, din outros.

E un que se sinte aínda máis apátrida, moitos dos da miña terra síntense incómodos ca idea de que os de fóra decidamos unhas eleccións, moitos de aquí aínda máis incómodos con que estranxeiros decidamos as súas. E eu penso, que aquel ilusionado rapaz de 19 anos que votou por primeira vez en 1997 e se prometeu a si mesmo que nunca perdería unha cita terá que ter o seu dereito a voto nalgures, ou que pasa, ¿son de verdade un apátrida?, ¿ou son Escocés?, porque moi contento e agradecido estou, pero Galego son e serei toda a vida.

Recoñezo que nisto vou dando tumbos e cambio de opinión, teño coma un conflicto interno, especialmente despois de ler opinións ben argumentadas como algunhas dos foros estes días. Pode que o meu problema sexa que lle dou demasiadas voltas, así que espero que un asiduo do blog me permita coller prestada e utilizar aquí a frase dun do seu profesor: “philosophy tells you a lot of things -but it doesn’t solve any problems for you” (Sousa-Pousa dixit) e facer o que considero máis correcto sen importarme o que outros pensen do tema porque ó final neste asunto non hai correcto ou incorrecto, un ten que facer o que lle pide ó corazón e a cabeza.

Pode que a pesares de levar xa varios ano fóra (¡e os que quedan!) e de sentirme un pouco apátrida, a pesares de estar contento en Escocia, que me deu as oportunidades que non atopei en Galicia na miña profesión, e a pesares de que aquí teño agora a miña casa,  non deixo de sentir un profundo desexo de intervir e opinar todo o que poida nas cousas de alá, incluso aínda que as veces trate de evitalo porque sinto que xa non me corresponde. Ou pode que si que me corresponda e que o que goberne vaia a mellorar sustancialmente a inversión en I+D para que xente coma eu poidamos atopar traballo aí ou pode que sinxelamente siga estando ilusionado como en 1997 a pesares de que ninguén o fixo e sempre o prometen. O caso é que alí vai o meu voto unha vez máis, esperando que desta vez vala para moito, e cumprindo a miña promesa de nunca poñer escusas para non cumprir co meu dereito (e a miña obriga) de cidadán Galego.

Un galego na selección de Escocia

domingo, noviembre 2nd, 2008

Finalmente parece que non vai ser e Nacho Novo non vai ser chamado para representar á selección escocesa de fútbol. Despois de airearse nos medios de comunicación que o actual seleccionador George Burley parecía interesado en contar con él e o mesmo xogador declarando o seu desexo de contribuir a clasificación de Escocia para o próximo Mundial.

O fútbol escocés está completamente dominado por dous equipos, o Celtic de Glasgow e o Glasgow Rangers, rivais encarnizados con demasiadas contas pendentes, non só deportivas. O Celtic é o equipo dos católicos e dos inmigrantes irlandeses, mentres que o Rangers é o dos protestantes e moitos dos unionistas. Nacho Novo despois dunha difícil e meritoria carreira na que pasou polo Racing de Ferrol, Huesca, Raith Rovers, Dundee, acabou recalando no Rangers gañando o corazón dos afeccionados dende o principio especialmente por ter un don para marcar goles clave, como o que clasificou o Rangers para a final da Copa da Uefa. Pero caracterizouse tamén dende o principio por declarar sempre sen medo o seu orgullo por xogar no “mellor equipo de Escocia” o que lle granxeou o odio dos afeccionados rivais ata o punto de ter seguridade na súa casa para evitar ataques xa que a súa dirección foi publicada en internet.

Cando se empezou a falar da posibilidade de que xogara con Escocia, pregunteime de seguido como sería acollida a idea polos afeccionados locais, especialmente os do Celtic. Sempre xurden en tódolos países estas discusións cando estranxeiros entran a formar parte do equipo nacional, como pasou en España con Donato, Pernía ou Senna, pero nunha afección tan profundamente dividida coma a escocesa entre estes dous sentimentos, estaba bastante claro que o 50% do país que apoia o Celtic non lles gustaría. Cando lle preguntei os meus compañeiros de traballo afeccionados do Celtic quedoume claro, nin un só aceptaba a idea, pero non alegaban a súa condición de estranxeiro ou xogador do eterno rival, senón que argumentaban, probablemente para ser políticamente correctos, que futbolísticamente non pensan que Nacho teña a calidade suficiente para xogar con Escocia. Eu, afeccionado o deporte rei dende sempre, penso que o rapaz, non é Villa nin Torres, pero a Escocia non lle viría nada mal. A realidade é que os afeccionados do Celtic non o queren porque é do Rangers, punto final, como pasaría ó contrario cos do Rangers se chamaran a un do Celtic. Quizás por esta reacción dos que a fin de contas representan un amplo porcentaxe dos afeccionados escoceses, a Federación Escocesa que abriu as portas o principio poñéndolle os dentes longos o noso paisano, saíu ó paso para cerralas alegando que aínda que técnicamente non o poden evitar se o seleccionador o chama (supoño que iría contra as leis de traballo da UE) hai un “pacto entre cabaleiros” no Reino Unido entre as distintas federacións (Inglesa, Nor-Irlandesa, Galesa e Escocesa) polo que só se convocan xogadores con ascendencia no propio país, polo menos cun avó escocés. Incluso o antigo selccionador e agora entrenador do Rangers, Walter Smith, posicionouse dicindo que él tería chamado a Nacho xa que “non ve porque unha persoa que leva vivindo e traballando aquí moitos anos non vai poder contribuir tanto coma outro calqueira que vivira aquí toda a súa vida”.

O fútbol xa non é o que era, eses tempos no que xogadores maioritariamente nacionais defendían os equipos e só tres estranxeiros podían estar ó mesmo tempo nun club. Todo cambiou, vemos o Arsenal xogar practicamente sen ingleses, ou o Real Madrid ou Deportivo con cada vez menos da casa. Pero a globalización coma noutros ámbitos da vida e do traballo tamén chega as seleccións nacionais. Na última Eurocopa tivemos a Senna con España, brasileños en Turquía, turcos en Suíza, e todo tipo de combinacións. E por moito que se queira evitar, está pasando, a xente marcha, adáptase o país no que traballa, e síntese na casa, por que non vai devolver agradecidamente a oportunidade que non tivo en España defendendo as cores do que é agora o seu país de adopción, e polo que teño entendido país da súa muller e fillos (“Me siento parte de Escocia, mis hijos son escoceses y siempre me han tratado bien”).

Eu penso que o problema se acabaría rápidamente se o seleccionador escocés fora valente e o convocara igual, en canto marcara o primeiro gol, todo o mundo, incluído os do Celtic olvidaríanse da súa orixe, especialmente se Nacho segue ca súa especialidade de marcar en momentos clave e ese gol mete a Escocia, selección histórica pero de terceira fila agora mesmo, nun gran torneo o que non vai dende 1998.

 http://www.ligafutbol.net/2008/10/24/nacho-novo-jugara-para-escocia/

 http://www.dailyrecord.co.uk/sport/2008/11/01/walter-smith-sfa-should-have-sorted-nacho-novo-mess-earlier-86908-20859787/

“Típicos tópicos”

domingo, octubre 19th, 2008

Típica situación en Escocia (toma 1)

Levo xa catro anos en Escocia, e neste país obsesionado pola súa climatoloxía pasei xa innumerables veces pola mesma situación. No traballo, no supermercado ou pola noite nun pub, alguén sinte curiosidade polo meu inglés con acento estranxeiro e a conversación e inevitable:

–          “Where are you from?”

–           “de Galicia”

Ante a súa cara pensativa como querendo recuperar os seus vagos recordos de Xeografía no instituto sen moito éxito, véxome obrigado a puntualizar.

–          “En España, no Noroeste da Península, costa Atlántica”.

–          “Ahhh!, Catalonia, Barcelona is a beautiful city!”

–          “No, no, Noroeste, enriba de Portugal”.

Todo isto en inglés cas miñas mans debuxando no aire a nosa fermosa Península Ibérica, sinalando esa esquina na que se atopa a terra onde nacín. Non importa cantas veces sucede ou a situación, a conversación deriva case sempre os mesmos tópicos; “¿cómo viñestes dar a Escocia?, non te desesperas, sempre a chover”; “oh!, España, encántame o teu país, a pasada primavera estiven en Tenerife, que clima”. E aí sigo eu despois de catro anos, debuxando no aire a Península Ibérica para explicarlle a todo Escocés, Inglés, Irlandés ou Galés que se poña por diante que existe algo máis, debaixo dos Pirineos non todo o que se move baila flamenco, come paellas e pasa o ano enteiro a máis de 25ºC.

Sempre me considerei un home politicamente moderado, orgulloso de ser Galego, ansioso porque a nosa terra sexa mellor atendida, pero non excesivamente molesto por estar dentro de España, ese complicado puzzle de identidades. Digamos que un, pode que pola educación que tivo, nunca se parou a pensar demasiado si poderiamos estar mellor sós antes que mal acompañados, e ademais nunca tiven que xustificar tantas veces a miña procedencia, simplemente, un é de onde é, e teno claro, a non ser que a forza de ter que explicalo continuamente, un ata empece a dubidar. Pero dende que cheguei aquí, digamos que me din claramente conta de que ningún dos “típicos tópicos” cos que me relacionan e interrogan automaticamente, ten que ver nin de lonxe con quen son ou co que sinto.

Volto mentalmente a miña infancia e adolescencia en Riveira, os meus días na Universidade en Santiago e non atopo nin un só recordo que me faga sentir partícipe do que eles interpretan por España. Non é que me volvera máis galeguista do que xa era, máis nacionalista ou independentista, segue sen molestarme demasiado España, simplemente eu non son o que eles pensan que son pero agora entendo claramente o difícil que “explicar” España e aínda que pode que aí resida parte da súa beleza, eu estoume empezando a cuestionar algunha cousa.

  Típica situación en Galicia (toma 2) 

Estou de vacacións, volto a Riveira, vou paseando pola calle ou entro nun bar, e un deses semicoñecidos que nas cidades pequenas saben toda a túa vida párame e pregúntame.

–          Eh! ¿que tal? ¿como vai todo por Inglaterra?

E eu inocente como se non me decatara de en que país estou respondo.

–          Non, eu estou en Escocia, non en Inglaterra, pero ben, moi ben.

–          Xa, é o mesmo, Escocia, Inglaterra, xa empezamos cos nacionalismos.

–          Pois eso, como ti queiras, que vai ben.

–          ¿E que tal son? ¿raros non?, así, non moi abertos, ¿e sales de marcha alí?, ou de casa para o traballo como en todos estes países, e que como en España non se vive en ningún lado, botaralo de menos.

Non sei que me enfada máis, a absoluta demostración de ignorancia, botando por terra a milenaria e rica historia desta terra chamada Escocia, ou a obsesión española por pensar que os habitantes destas illas non falan, morden, non lles gusta beber e comer, cantar e bailar e traballan vintecatro horas o día.

Ou pode que en realidade o que máis me entristece sexa sinxelamente como de contado estereotipamos un país enteiro en base a unha idea equivocada. Os alemáns son eficientes, os españois paran o país enteiro para durmi-la siesta, os franceses arrogantes, os británicos hipócritas e reservados.

Eu vivo en Escocia onde me tratan mellor do que me trataron moitas veces no meu propio país; traballo para unha empresa americana que me respecta e me coida; colaboramos cunha alemana chea de ineficientes os que lle hai que dicir onde teñen os pés e onde a cabeza; non sei bailar flamenco (nin quero); non soporto os toros; cando vou a casa de vacacións de Nadal chove máis que en Glasgow; salo de festa en Escocia cando me peta; e os meus amigos ingleses, escoceses, irlandeses e galeses son sociables, simpáticos e saben disfruta-la vida como calqueira.

Tódalas nacións modernas son artificiais, invencións, construccións sociais, inventadas por seres humanos para satisfacer as súas necesidades, e é esto o que as fai interesantes e útiles. Cando estereotipamos, xeralizamos e globalizamos todo ata que a identidade dos pequenos máis débiles se dilúe dentro do océano do grande e poderoso, sexa España ou Inglaterra (que a xente utiliza continuamente como Reino Unido), pode pasar que incluso os que non estabamos incómodos dentro desa invención, empecemos a pensalo dúas veces.

Polo de pronto o que me queda é seguir poñendo Galicia e Escocia no mapa e tomar prestadas estás dúas frases de…………….

  James Kelman 

My culture and my language have the right to exist, and no one has the authority to dismiss that.
Speech accepting the Booker Prize (11 Oct 1994)

I come from a country called Scotland. I don’t need to ask for my independence.
Quoted in The Independent (8 Oct 1994)

“Que inventen ellos”

lunes, mayo 5th, 2008

Últimamente síntome aludido con frecuencia cada vez que fago o meu repaso diario por diferentes xornais tanto galegos como nacionais en internet. Diferentes titulares, comentarios e cifras chaman a miña atención: “Las ofertas de empleo cerca de casa por favor”; “España no aprovecha a sus titulados”; “Queremos atraer a los mejores científicos, españoles o no” (todos en El País); “Los graduados españoles entre los más baratos de Europa”; “El empuje de la investigación gallega” (La Voz de Galicia); “Cuarenta científicos gallegos que trabajan en el extranjero solicitan regresar a España” (Faro de Vigo). Todos estos titulares xunto ca xa por fin recoñecida crise económica e a decisión do Presidente Zapatero de crear o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía fíxome pensar moito nos últimos dous meses sobre a realidade económica de España e como ésta afecta á miña forma de vida.

Empecemos polo principio, o meu nome é Loís Bello Fernández de Sanmamed, nacín en Santa Uxía de Riveira (A Coruña) fai trinta anos e despois de acabar no instituto decidín ir para Santiago de Compostela a estudiar o que sempre quixen, Bioloxía. Disfrutei a miña vida na capital da nosa terra, como disfrutei tamén estudiando a miña carreira, e fun un deses idealistas que pensaba que malo sería que a situación non mellorara e houbera un bo traballo para min aí fora, a pesar dos comentarios sempre pesimistas da maioría dos meus profesores. Quedou grabado na miña memoria un comentario da miña profesora de Viroloxía que considerei simpático aínda que exaserado no seu momento. Ela que traballo no prestixioso Instituto Pasteur de París con Luc Montagnier, descubridor do virus do sida, dicía que o problema era que en España “la gente piensa que los Biólogos somos cazamariposas”, e agora entendo o que quería dicir. No 2002 acabei a carreira na especialidade de Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía, e a pesar do ben que soa, de todo o que tiven que traballar e de todo o que aprendín, decateime de que eso era realmente o que me consideraban no meu país, un “cazamariposas”.

Despois de dous anos buscando traballo, unha entrevista, moitos cursos, algún traballo basura en diferentes cousas e incluso unha pérdida momentánea de esperanza e autoestima que me levou a despreciar a miña profesión e presentarme os exames de Controlador aéreo, decidín que eu non iba a tirar a basura a miña formación e busquei algún país onde os Biólogos moleculares non foramos “cazamariposas”. Así que o 11 de Setembro do 2004 cheguei a Glasgow (Escocia) para ver si en este pequeno país que tantas veces salía en libros e artigos científicos atopaba o que me negaban no meu país. Despois de nove meses traballando na cociña dun hotel de fregaplatos (onde por certo firmei o primeiro contrato da miña vida, xa que nos poucos traballos que tiven aí nunca vin un diante) e aprendendo o idioma empecei a facer entrevistas e a terceira conseguín un traballo como científico no departamento de I+D de Stirling Medical Innovations.

Para os que esteades a ler esto, non pensedes que quero aquí reivindicar a miña decisión, experiencia, sorte ou o que se lle queira chamar. Cada situación persoal é diferente, non me considero nen mellor nen peor que outros na mesma situación, sinxelamente pensei que despois de ler todos eses artigos falando de todo o que presuntamente mellorou a ciencia en España últimamente e sendo este un blog onde os galegos no estranxeiro temos o luxo de expresar a nosa opinión nun medio como La Voz de Galicia, sería oportuno decir alto e claro que desgraciadamente non son o único, existe unha nova emigración, moi diferente a que afectou a Galicia no pasado, centos de titulados que escapan das condicións laborais do noso país, ca conseguinte perda de talento e diñeiro que conleva. Alguén se parou a calcular algunha vez a de cartos que invirteu o goberno central e autonómico en formarnos para que despois paguemos impostos e creemos riqueza, ideas, novos productos, etc en Escocia, Inglaterra, Irlanda, Alemania, Francia ou os Estados Unidos. Estou seguro de que é unha sangría de cartos pero parece ser que é agora cando a burbuxa económica na que vivía España se desinflou que se acordan a pesar dos numerosos avisos que tiveron. Xa non vale adicar tódolos esforzos a construcción, ó turismo ou á mellora de infraestructuras para obxectivos estratéxicos tan importantes como conectar Ferrol con A Coruña cun tren de alta velocidade. Agora a ciencia é importante e aparentemente, España vaise converter nunha potencia nunha lexislatura, de feito algúns pensan que xa o é.

Todos estes titulares nos que se dignifica a ciencia no país falando do “empuje de la investigación gallega” quédanse na superficie, a realidade, na miña opinión, é que este empuxe non é tal, baixo o epígrafe I+D+i en España escóndese investigación maioritariamente fundamental, xeradora de publicacións, necesaria por suposto pero de pouca aplicación a maioría das veces. Sen embargo, o apoio o innovador e pioneiro é escaso e a investigación na empresa privada caseque nula e sempre pensando en obxectivos cercanos. Gústame por suposto a decisión de ZP de crear ese novo ministerio e gústame que inclúa as Universidades para tratar de vincular a investigación cas empresas e a actividade económica pero teño a impresión de que fai falla en España e máis aínda nunha rexión tradicionalmente conservadora (non só na súa acepción política) como Galicia moito maís que ministerios de nova creación e cartos, senón tamén un cambio de mentalidade importante nunha sociedade que segue sen ter “espíritu científico”.

Mentres tanto, como tantos outros, eu seguiréi feliz no estranxeiro, e podo dicir que cando estás contento, valorado e ben pagado, a morriña disminúe proporcionalmente. A decisión que tomei fai xa catro anos foi sen dúbida a mellor da miña vida, por eso animo a tódolos galegos estudiantes de ciencias que se sintan tratados como “cazamariposas” que non se den por vencidos, as nosas carreiras importan e merecen ser tratadas con respeto como por exemplo se fai en Escocia.

E si non para traballar porque pertencedes a ese outro titular que puxen ó principio (“Las ofertas de empleo cerca de casa por favor”), polo menos animádevos a visitala, porque merece a pena. De eso falarei no meu seguinte texto que prometo será menos serio, para tentar de levarvos nunha viaxe imaxinaria por este fermoso e orgulloso país.

Saúdos e encantado de falar con todos vós.