La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

O’Bama

Escrito por Pablo Carballada
20 de enero de 2009 a las 22:20h

Irlanda é terra de emigrantes, ben o saben os americanos. Unha lenda urbana di que case todos eles teñen algo de sangue verde correndo polas veas. Ninguén diría que Barack Obama ten raíces irlandesas, pero escaravellando un pouco na súa xenealoxía alguén chegou, como non, a un humilde inmigrante irlandés, Falmouth Kearney (nacido en Moneygall, condado de Offaly), que chegou a Indiana fuxindo da Gran Fame que asolou Irlanda entre 1845 e 1852.

There is no one as Irish as Barack O’Bama, cantan en Moneygall. Non será para tanto, pero o caso é que o novo presidente americano xa se auto-convidou a tomar unha pinta da black stuff no pub da vila.

Na mesma época tamén chegaba aos Estados Unidos outro mozo irlandés chamado Patrick. As razóns de Patrick eran moi parecidas ás do seu paisano Falmouth. Demasiada xente vivindo nunha pequena granxa (o galpón que vedes na foto) da aldea de Dunganstown, moi perto de New Ross, no condado de Wexford. Patrick non tiña opción, xa que na Irlanda da época so herdaba o fillo primoxénito e el era o terceiro vástago de James e Maria. Se a iso lle sumamos o clima de posguerra (a rebelión contra os ingleses de 1798 que tinguiu de sangue o condado de Wexford aínda era moi recente) e a Gran Fame, podemos imaxinar que a Patrick, con 25 anos e sen futuro, non lle quedaba outra que subirse a un barco-cadaleito (coffin ship) en New Ross para emigrar a América en decembro de 1848.

A vida en Boston tampouco foi fácil, pero Patrick contaba co apoio do seu futuro cuñado, tamén chamado Patrick e tamén orixinario da mesma vila. Xuntos comezaron no negocio da fabricación e venda de cubas e bocois, oficio no que xa traballaran en Irlanda.

Patrick Kennedy acabou por casar con Bridget Murphy en Boston uns meses despois da chegada, pero morreu de cólera en 1858. O único fillo varón que lles sobreviviu á epidemia de cólera foi Patrick Joseph, que fixo fortuna no comercio de bebidas alcólicas e acabou metido en política. Patrick Joseph iniciou a saga política máis exitosa da historia dos Estados Unidos, a que todos vós coñecedes e que culminou coa chegada do neu neto John F. Kennedy á Presidencia do país en 1961.

Por certo, A ver canto tardan os irlandeses en restaurar o pendello de onde saíu o tal Falmouth Kearney para convertilo nunha especie de Barack Obama Homestead Heritage Centre (ou algo así) e cobrarlles uns euros a todos os gringos despistados que pasen por alí.

Etiquetas:

Deja tu comentario