La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

Unha casa dividida

Escrito por Gonzalo Rivero | Desde Nueva York, EE.UU
4 de noviembre de 2008 a las 5:26h

Para un politólogo estas eleccions son fascinantes; para un ser humano decente quedan en emocionantes, e xa bastante é. No caso do primeiro hai unha certa fixación intelectual polas novas estratexias de campaña, polos cambios que se están a producir no voto dos estados do sur, polas circunstancias excepcionais nas que se produce o relevo no despacho oval (si, a crise financeira); no do segundo entendo que é algo da imbricación do americano medio coa politica, nunhas eleccions nas que a mobilización para por ser historica, e con ela a paixón. En España (e Galicia nesto é un paradigma), a vida política esta impregnada da vida do partido político, e dada a reputación destes últimos, dun certo sentimento de repulsión. Pode que por eso resulte complicado entender as eleccións americanas dende o recuncho peninsular: as ideas de capital social, cultura cívica, identificación partidista,… son complicadas de transmitir. A vivencia política do norteamericano é, sen dúbida algunha, un fenómeno único.

Non é momento de facer análises nen prediccións. Dende logo esta campaña foi a que tivo máis repercusión na aldea global da historia recente, mesmo tendo en conta Internet e o desenvolvemento das comunicacións. Os xornais de todo o mundo deron unha cobertura a estas eleccións parella á que lle darían a unhas eleccións locais e todo iso salvando o feito de que en realidade, e por moito que se repita, non van supor un cambio tan grande no panorama internacional. Non obstante, estas eleccións de maña serán históricas: tanto para un politólogo como para un cidadán. Falouse moito da semellanza entre Kennedy e Obama, de seu carisma, da materialización que representaban dos valores demócratas, do pulo popular que souberon xenerar. É eso algo difícil de explicar. Obama é o candidato perfecto e aínda por riba, ten un aquel imposible de describir que fai que, sen ir máis lonxe, algún amigo meu (español, de visita durante un ano) teña ido facer campaña por el a outro estado.

Foi ese o único problema de McCain nesta campaña: un home con sona de independente, intelixente, traballador, cunha imaxe de heroe difícil de criticar (aínda que foi un dos obxectivos obvios da campaña demócrata). A verdade, o único republicano que non consideraría unha desgraza na Casa Branca, enfróntase a un furacán mediático como Obama. Recorrer a Sarah Palin para acompañalo no ticket pareceu unha boa idea (non hai máis que ver a reacción das enquisas un par de días despois da súa presentación) pero xogou un risco moi alto e todo apunta a que fallou: Tina Fey, humorista dun popularísimo programa de televisión, será máis recordada polas súas imitacións que a gobernadora de Alaska mesma.

Que ha pasar mañá? Só unha catástrofe sen precedentes evitaría unha victoria de Obama. O voto racista ten que ser masivo e o voto oculto ós republicanos en estados claves ten que ser histórico para que non Obama non gañe. A comparación cos resultados de Kerry de hai catro anos é de todo inxusta. Nunca houbo tal acordo sobre as posibilidades dun candidato. Obviamente as eleccións son unha lotería e todo pode dar a volta, pero ningún politólogo que eu coñeza da a victoria a McCain. Aínda máis, ningún politólogo que eu teña tratado da un resultado que non sexa case tan abultado como o Nixon-McGovern do 1972. Agora ben, de erros está feita a historia da disciplina. Todo se decide mañá. Crucen os dedos (e as dedas, tamén, non sexa o demo).

Etiquetas: , , , , ,

Deja tu comentario