La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

O bar Galícia do Pelourinho

Escrito por Ivám Cozinha | Desde República Checa
1 de agosto de 2008 a las 18:07h

Nós viñamos sobre aviso despois de ler a guía. A primeira advertencia do Paulo nada mais arrumar as maletas no cuarto foi desde a terraza do hotel. Seguindo o seu dedo fomos percorrendo os tellados e os campanarios do Pelourinho baixo o ceo estrelado. ¿Queda claro? Para a dereita nada, para a esquerda tampouco. Para alí onde non haxa policía nin farola, esquecer. A un grupo de seis cataláns veñen de arrincarlles un bolso tres moleques de oito anos. Sen arma nen violencia. Todo porque, como nos contaron máis tarde, en vez de virar á esquerda na fachada da igrexa de San Francisco decidiron, desouvindo, curiosear pola ruela da dereita. A oportunidade dura un segundo.

Lembrança de Salvador da Bahia. Lembrança do Nosso Senhor do Bonfim. Eses son, entre outros, os lemas que rezan as fitiñas de cores que cincuenta veces ao día che tentan amarrar no brazo algúns dos diferentes prototipos de paisanos que viven do turista no Pelourinho, o centro histórico de Salvador. Un bairro non menos mítico que o casco vello de Compostela. A capital da Bahía respira maxia. Viaxando desde dentro do Brasil un ten a sensación de ter aterrado noutra parte, como cada vez que un apaña un avión para sucar o ceo deste país alguns miles de quilómetros… e aínda así continuar escoitando portugués. Quen vén afeito ao cosmopolitismo de São Paulo, onde ninguén se sente estrano, en Salvador experimenta definitivamente a sensación de turista, aínda que se fala da gran colonia galega. Grande non pode ser, a Bahía é a África metida na América: negro, axé, afoxé, acaraxé, candomblé… A maior concentración africana fóra da África. Barroco portugués: un templo para cada día do ano. Igrexa de San Francisco, voto de pobreza: unha tonelada de ouro, anxos caendo dos altares. Bon, de feito Salvador foi capital da colonia durante dous séculos. Patrimonio mundial da UNESCO. Sobran palabras para tanta beleza.

Como non é caso facer deste blog un guía turístico, vou pasar polo rápido cada curruncho das rúas empedradas do Pelourinho onde as bahianas vestidas com saias amplas e túnica friten os bolos de acaraxé, cada fiestra aberta desprendendo reggae, cada restaurante para se deleitar con diferentes pratos a base de fariña de mandioca, aceite de palma, carne seca ao sol, coco…, cada tenda vendendo instrumentos de percusión, cadros, artesanía de pau, cunchas ou sementes raras e unha serie diversa de arte rasta, cada praza con capoeira improvisada, vou ficar coa impresión sentado ante unha cervexiña na rúa das Laranjeiras fronte ao bar Galícia do Nego Fua -seica ilustre personaxe da noite bahiana-, co seu escudo coa faixa azul e a cruz de Santiago. A noite discorre barullenta ao redor, con turista para riba e para baixo, unha banda comezando a quentar o pandeiro con un samba de roda desde o interior do local, propios e estranos vendendo espetos de queixo asado, café de termo, tabaco, todo tipo de colgantes e pulseiras, máis fitas de cores, máis arte rasta… ata que o murmurio dos bombos que sobe pola rúa do Maciel para riba rebenta com grande estrondo na esquina e no cruce de rúas ao redor do frenético ritmo dos tambores se xunta toda a turistada que non pode deixar de moverse ao son da negrada, como caidos no transe do candomblé. E só nese momento é que un esquece o moleque que no Pelourinho de Salvador a cada segundo che vén regañando por un real para comer.

2 respuestas a “O bar Galícia do Pelourinho”

  1. Pablo Carballada | Desde Irlanda dice:

    En Salvador tamén está o Galícia Esporte Clube (o demolidor de campeoes!!), clube mítico do fútbol baiano e que foi o primeiro tricampión do estado… foron tempos, agora deambula pola Segundona baiana, pero ainda leva no seu escudo a Cruz de Santiago e faixa azul… e xoga no Parque Santiago, na Avenida de Compostela. Non todo é África en Salvador…
    http://www.galiciaec.com.br/

    [Reply]

  2. Beto Boullosa dice:

    Pode-se ver uma foto do Bar Galícia no Granadeiros Azulinos (clique aqui), site não oficial do Galícia Esporte Clube, mantido por Beto Boullosa, um neto de galegos que vive em Barcelona.

    [Reply]

Deja tu comentario