La Voz de Galicia lavozdegalicia.es - blogs | Inmobiliaria | Empleo | Mercadillo

O primeiro emigrante galego

Escrito por Pablo Carballada
29 de marzo de 2008 a las 10:57h

Non sei se Amergin foi o primeiro emigrante galego, mais este bardo-guerreiro celta, orixinario do lugar que logo os romanos chamaron Brigantium saiu da sua terra hai moitos anos, tantos que os monxes irlandeses que escribiron a súa historia perderon a conta, aínda que algúns sitúan a sua chegada a Irlanda no 1530 a.C.

Amergin era bisneto de Breogán e un dos oito fillos de Míl, os chamados Milesios, que segundo a tradición recollida polo Libro das Invasións de Irlanda (Leabhar Gabhála, isto non se pode tomar como fonte histórica!), foron os primeiros celtas en chegar á illa. Despois de guerrear cos antigos poboadores, e dun combate naval con cantos de druidas e tormentas máxicas incluídos no que Amergin demostrou os seus poderes, os Milesios conseguiron conquistar Irlanda, entrando primeiro por Kerry e despois polo estuario do río Boyne, na actual Drogheda.

O noso Amergin era un bardo, o poeta do grupo, mais tamén era un guerreiro e o xuíz escollido para decidir os destino dos perdedores e mesmo as leis que debían seguir os seus paisanos. A tradición tamén sitúa a súa tumba nun lugar chamado Millmount, en Drogheda, e moi pertiño de Tara, centro do poder na antiga Irlanda.

Todo isto vén a conta dun ruxe-ruxe que anda percorrendo a illa nos últimos días. Trátase das obras no novo porto da puxante Drogheda, que acaban de ser interrompidas debido á riqueza arqueolóxica do lugar. Políticos e patrociadores do novo porto do estuario do Boyne se excusaron pola demora nas obras dicindo que encontraran os restos do que podería ter sido o primeiro asentamento permanente en Irlanda de Armegin e os seus irmáns, os bisnetos de Breogán.

Finalmente, parece que esas historias de lendas e seres mitolóxicos que recopilaron aqueles monxes medievais no Libro das Invasións de Irlanda non eran todo lerias, ou si?

Etiquetas: , , , , , , , ,

4 respuestas a “O primeiro emigrante galego”

  1. Garrano dice:

    E logo como saben que son cousas de Amerguín? Toparon a harpa do bardo? Ou unhas garrafas de licorcafé? Fóra coñas, todo o mundo en Eire coincide en que Kerry é a comarca máis galega, sexa polos gransoleiros, sexa pola pegada dos galegos que combateron aos Tudor a comezos do séc. XVII por diferentes pontos da costa suroccidental irlandesa, ou polos rasgos antropolóxicos, sobre todo no referinte a tradición oral.

    [Reply]

  2. Javi dice:

    En irlanda, poucos saben onde fica Galiza, ainda que Amergin é ben conhecido na tradición oral e no Libro das Invasións.

    http://www.irishabroad.com/Travel/Features/drogheda.asp

    “On high ground south of the river stands the imposing Millmount, a structure that is shrouded in Irish mythology and contemporary history. It is believed that the mound was a burial site for Armegin, a member of a Celtic tribe who were thought to have arrived from Spain almost 1500 years Before Christ.”

    [Reply]

  3. macmillan dice:

    Ith qué era de Amergin? Pai? Pensaba que Amergin era o druída que ía con Ith, pero ao non ter a fonte a man, agora non lembro ben.

    Que saíron de Brigantium é un chisco aventurado, non é? Da mesma Artabria, nothing less! 😀

    Seica no Leabhar Ghabala pon que saíran do norte de Spain (ou noroeste?)… Ás veces coa historia pasan cousas como coa xenética, que saen uns a dicir que a unidade racial dos vascos, e tal, que disque non se mixturaran nunca con celtas, romanos e demáis (calanha), e veñen uns estudios xenéticos (aínda ha de andar na hemeroteca da Voz) a dicir que os galegos son máis homoxéneos que os vascos, a pesar de kalaikos, romanos, celtas, suevos, indianos e máis indios…

    Saúde !

    [Reply]

  4. Pablo Carballada | Desde Irlanda dice:

    Amergin era fillo de Míl, que era sobriño de Ith, que era fillo de Breogán… todo iso segundo o Leabhar Gabhála. Tamén fala da Torre de Breogán, identificada como a de Hércules, como punto de partida desa tribo.
    Está claro que non se poden tomar estas cousas ao pé da letra. O Leabhar Gabhála foi unha recopilación de lendas e tradicións orais irlandesas e os seus autores quixeron misturar iso coa tradidión cristiá, chegando a relacionar a eses milesios (que otras fontes chaman brigantes) cos exipcios, escitas e certas personaxes bíblicas… en fin.

    [Reply]

Deja tu comentario